A concelleira de Cultura non se abstén de intervir na moción do PP sobre o trasvase de Cecebre
A Coruña, 09 de setembro de 2013.- A concelleira nacionalista, Ermitas Valencia, expuxo, na moción que hoxe presentou o Partido Popular sobre o convenio entre o Concello da Coruña e a Xunta de Galiza que asegura o subministro de auga e concede a titularidade do encoro de Cecebre, que o PP o que quere é camuflar un trasvase innecesario do lago artificial de Meirama a Cecebre na suposta falta de subministro ante a posíbel sequía, xustificando así a construción dun túnel que vai custar 10 millóns, e que non ten outro obxectivo que facer rendíbel a minicentral propiedade dunha empresa, Minicentrales Eléctricas de Galicia, na que ten intereses a concelleira de Cultura do Concello da Coruña. E é que, como lembra o mesmo Plan Seca elaborado pola Xunta de Galiza, o abastecemento de auga na cidade e na comarca é suficiente. De feito, o encoro de Cecebre nunca chegou ao nivel de emerxencia.
Iso si o que hai que facer é rendíbel unha minicentral que até o de agora non o era e xustificar esa construción. Por certo, unha minicentral que foi negada hai xusto un ano neste mesmo pleno, sei que o BNG facía ciencia ficción. Pois ben, uns meses despois que nos dixeran que faciamos ciencia ficción, a empresa solicitoulle á Xunta de Galiza a interconexión da Central Hidroeléctrica de Cecebre coa rede eléctrica de Unión fenosa, temos aquí a resolución do día 27 de maio de 2013 na que a Consellaría de Medio Ambiente dá luz verde á avaliación ambiental dese proxecto de Minicentrales Eléctricas de Galicia para o aproveitamento hidroeléctrico da presa de Cecebre.
A seguir, a nacionalista suxeriulle á concelleira de Cultura, dados os intereses desta, que se debería de abster de intervir neste punto. Porén, a concelleira votou.
Por último a concelleira do BNG sinalaou que desde logo o PP é especialista en facer negocios cos cartos dos demais. Dez millóns de euros non se xustifican para nada co interese particular dunha empresa que ten unha concesión. Se esa minicentral é colocada aí, que é para o que se fai o túnel, e para o que se trae a auga, pecharíanse as portas para que o río Mero volva ser un río vivo.