JORQUERA, COAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES AMEAZADOS DE DESLOCALIZACIÓN A MADRID
"O comportamento de Naturgy con esta cidade é o propio de virreis nunha colonia"
“En concreto, a petición dun encontro nas instalacións da empresa formulada por Inés Rey respondía á moción aprobada no Pleno de marzo por iniciativa do Bloque Nacionalista Galego. Non é só un desaire á alcaldesa, éo tamén a todas as veciñas e veciños da cidade”, considera Jorquera.
O voceiro nacionalista estivo esta tarde no exterior das instalacións de Naturgy a departir con traballadoras e traballadores atinxidos pola decisión da empresa de deslocalizar o seu Centro de Operacións de Rede a Madrid.
“Estivemos desde o primeiro momento coas traballadoras e os traballadores. Naturgy explota recursos naturais da Galiza e benefíciase de concesións e de axudas públicas. Non pode ser que logo se leve fóra actividades que xeran valor como o COR”, denuncia Jorquera.
“A negativa de Naturgy a permitir unha visita da alcaldesa mostra un total e absoluto desprezo á cidade. É intolerábel o seu comportamento, típico de quen se cren virreis nunha colonia”, conclúe.
A escusa que puxo Naturgy para vetar o acceso ás súas instalacións é que o seu protocolo anti-Covid é moi estrito. "Naturalmente son escusas de mal pagador que non se teñen de pé. A súa chulería é insultante", argúe Jorquera.