JORQUERA DENUNCIA A FALTA DE RIGOR NA ADMINISTRACIÓN DO DIÑEIRO PÚBLICO, QUE AFECTA A TERCEIROS E A FACENDA LOCAL
"Señor Castro, a súa xestión é esta: as indemnizacións alcanzan as 6 cifras, as débedas non baixan do millón de euros"
O escándalo recorrente de facturas impagadas por falta de suficiente crédito orzamentario ou servizos que se contratan verbalmente, e non por escrito, conculcando a Lei de Contratos do Sector Público son prácticas habituais na xestión quer do IMCE quer do Consorcio de Turismo e Congresos, denunciou o noso portavoz no Concello, Francisco Jorquera.
Baixando ao concreto, Jorquera referiu unha serie de preceptos de leis conculcadas polo concelleiro de Cultura nas facturas irregulares do Womex 2023, que tiveron que ser asumidas polo Concello neste Pleno a través dun recoñecemento extraxudicial de créditos por valor de 140.058,71 euros.
Non se poden adquirir compromisos de gasto por contía superior ao importe dos créditos autorizados nos estados de gastos (Lei reguladora das Facendas Locais), serán nulos os actos (os contratos) ditados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido (Lei do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas) e as entidades do sector público non poderán contratar verbalmente, salvo que o contrato teña carácter de emerxencia (Lei de Contratos do Sector Público).
No Womew 2023 “o señor Gonzalo Castro saltou todos eses preceptos legais”, contraendo eventualmente “as responsabilidades ás que haxa lugar”, de acordo coa Lei Reguladora das Facendas Locais.
Prexudícase a terceiros -ao encargar servizos sen orzamento suficiente para pagar no ano en que se realiza o gasto-, mais tamén se compromete a facenda local, como no seu momento ten advertido a Intervención Xeral do Concello, remarcou Jorquera.
“Advertiuno hai un ano e, un ano despois, volvemos ás andadas”, subliñou. “Este recoñecemento extraxudicial de obrigas é froito de o señor Gonzalo Castro ter prescindido, total e absolutamente, do procedemento legal establecido”.
A falta de rigor na administración do diñeiro público marca a xestión do concelleiro de Cultura e Turismo.
Exemplificouno Jorquera co que ocorreu co evento Wake Up&Dream. Este festival “comezou o pasado venres e a empresa que o organiza non solicitou a autorización para celebralo até o xoves, o día anterior, e ese mesmo día foille concedida”.
Mais as entradas obviamente xa estaban vendidas e o BNG solicitou hai máis dun mes o acceso ao expediente sobre o evento, sen que aínda nos fora concedido.
“Celebrouse o festival sen un informe ambiental favorábel? Cre vostede que se pode funcionar así?”, inquiriu.
Indemnizacións e débedas
Para o resumir, a falta de rigor na xestión do diñeiro público por parte de Gonzalo Castro está a causar graves problemas ao Concello.
“Co seu xeito de xestionar, as indemnizacións que hai que pagar non baixan das seis cifras”, dixo Jorquera. “140 mil euros máis os xuros de demora, porque vostede ordenou de forma irregular unha prórroga do contrato do servizo de conserxaría das instalacións deportivas municipais. E outros 140 mil á empresa que prestou servizos para o Womex 2023”, engadiu.
Indemnizacións de seis cifras, e débedas que non baixan do millón. “Máis dun millón no IMCE. Máis dun millón no Consorcio para a Promoción da Música. E sobre todo isto polo que lle pedimos explicacións”, concluíu Jorquera.
Poucas deu o concelleiro de Cultura e Turismo. Limitouse a dicir que o recoñecemento extraxudicial de créditos era un mecanismo legal, pero non explicou como é posíbel que en apenas dous anos as facturas irregulares produto da súa xestión alcanzaran os 7 millóns de euros. E, como moito, concedeu que “se poderá criticar, ás veces con fundamento, cuestións da xestión deste concelleiro”.
Aprobadas as mocións do BNG
O Pleno aprobou as tres mocións formuladas polo BNG, dúas delas -as relativas aos dereitos do colectivo LGTBI+ e ao Campo Municipal de Golf- por unanimidade.
A terceira, a de chamar Rúa Diplomáticos de Monte Alto á actual Rúa Alcalde Sanjurjo -connotado fascista-, foi aprobada cos votos favorábeis do PSOE e a oposición dun PP que chegou a dicir que algúns dos erros de Sanjurjo de Carricarte -poñente en consello de guerra de sentenzas de morte durante a posguerra- foron cometidos “forzado pola época que lle tocou vivir”