UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA
A Compañía de Tranvías recorta servizos no campus da Zapateira
A obra, a cargo do Concello, provoca a desviación do percorrido habitual da liña UDC do transporte público urbano.
En concreto, explica a concelleira do BNG Avia Veira, o autobús agora xa non sobe até a Facultade de Filoloxía e de Turismo, “co que o seu alumnado ten que baixarse na parada que agora mesmo se realiza preto da ETSAC e subir a pé a empinada costa até o seu centro de estudos, un traxecto nada accesíbel para as persoas de mobilidade reducida”.
Que solución lle dá a Compañía de Tranvías a este problema? Pois a utilización da liña 24. Mais é unha saída que non resolve o asunto, pois a liña 24 “ten unha frecuencia de paso moitísimo menor” e acabaríase masificando, sendo que, alén do seu uso polo estudandato, é a única que pasa polo barrio da Zapateira.
Ante esta situación, Avia Veira acaba de rexistrar un rogo oral, para a súa lectura no Pleno do vindeiro mes de outubro, por medio do cal insta o Goberno Local a que, en uso das súas atribucións como titular do servizo do transporte público (prestado pola Compañía de Tranvías en réxime de concesión), ordene á empresa concesionaria que “mude o itinerario temporal da liña UDC por causa das obras co fin de lle dar un servizo axeitado ao estudantado da Facultade de Filoloxía e Turismo”.
O Goberno Local pódeo facer perfectamente, tal e como prevén os artigos 6 e 13 do Regulamento de Réxime Interno do Transporte Público Urbano segundo os cales o Concello pode ordenar as variacións do servizo “por razóns de interese público, tanto no que se refire a modificación de itinerarios, frecuencias, paradas, etc”.