A Compañía de Tranvías obtén en 2013 beneficios de 3,49 millóns por conta d@s coruñes@s
A Coruña, 29 de xullo de 2014- Logo de acceder ás contas económico-financeiras da Compañía de Tranvías correspondente ao ano 2013, o Grupo Municipal do BNG denuncia que un ano máis a empresa concesionaria do servizo de autobús urbano da Coruña obtivo beneficios por conta dos petos da cidadanía. Así, o beneficio da empresa en 2013 ascendeu a 3.449.775,90 euros, cando en 2012 o beneficio ascendía a 2.749.588,25. E, á vez, o Concello transferiulle á Compañía de Tranvías 8.029.073,98 euros, cantidade que representa o 35,86% sobre a cifra de negocios.
Ademais, á vista das contas, o Grupo Municipal do BNG denuncia que o déficit de explotación subvencionábel da empresa foi de 3.447.991 euros. Tendo en conta os 8.029.073,98 euros en subvencións municipais, o Concello transferiulle á Compañía de Tranvías un total de 4.581.082,98 euros máis da cantidade que garantía o equilibrio económico-financeiro do servizo. E isto, a pesar de que o Concello da Coruña recibiu do Estado en 2013 tan só 1.217.253,08 euros en concepto de subvención ao transporte.
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que un ano máis as contas da Compañía de Tranvías reflicten que posúe unha situación financeira moi sólida, consecuencia das subvencións públicas que recibe por parte do Concello. De aí, que as nacionalistas insistan en exixir a máis que necesaria revisión da concesión de 1986, tal e como permite o artigo 7.1 do Regulamento do Servizo de Transporte Urbano da Coruña, e mais da fórmula polinómica para o cálculo do billete, tal e como permite o artigo 12.3 do convenio regulador da concesión. O Bloque volve denunciar que mentres non se revisen a concesión e mais a fórmula polinómica, a empresa concesionaria seguirá a frotarse as mans cos suculentos beneficios que recibe por conta de todos e todas nós.