O BNG INTERPELA O EXECUTIVO CORUÑÉS NA SESIÓN DE CONTROL DO #PLENONOVEMBRO

A Comisión das Bibliotecas vaise reunir por fin e o Goberno Local mantén o compromiso de ir aos tribunais este ano pola Casa Cornide

FJ
Jorquera, durante o Pleno
Tirara de ironía o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, ao rexistrar unha iniciativa, neste caso unha pregunta oral ao Goberno Local, en relación á Casa Cornide.
A Comisión das Bibliotecas vaise reunir por fin e o Goberno Local mantén o compromiso de ir aos tribunais este ano pola Casa Cornide

“Cando o Goberno Municipal anunciou a presentación antes de fin de ano dunha demanda para recuperar a Casa Cornide, a que ano en concreto se refería?”. Así rezaba o texto da pregunta que no Pleno deste xoves dirixiu Jorquera ao Executivo coruñés.

A resposta de Gonzalo Castro, concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade, tivo tamén un tinte irónico: “Será no ano 2023, da era despois de Cristo”.

Na súa intervención, Jorquera lembrou que hai máis de 4 anos -setembro de 2019, primeiro pleno ordinario do anterior mandato- que o Goberno local recibiu o encargo da Corporación, ao aprobar unha moción precisamente do BNG, para interpor a demanda.

E non se entende tanta demora porque, remarcou Jorquera, “desde o verán de 2020 vostedes dispoñen do estudo histórico” e desde decembro de 2020 “dispoñen tamén do informe xurídico sobre as vías de recuperación da Casa Cornide”.

Castro, que argumentou que este caso é “moi complexo do punto de vista xurídico” e non é totalmente asimilábel ao do Pazo de Meirás, replicou que o Goberno Local partilla o obxectivo de “rematar cunha situación de usurpación e espolio” a mans dos Franco, mais que convén extremar o rigor á hora de elaborar a demanda para evitar un hipotético fracaso ante os tribunais que xerase frustración.

O BNG partilla a aposta polo rigor na elaboración da demanda, mais entende que o Goberno Local dispuxo de tempo máis que de abondo para concluír os traballos.

Marcha Cívica Casa Cornide. 7 de novembro de 2020.
Imaxe da Marcha Cívica pola Casa Cornide realizada o 7 de novembro de 2020

Ao mesmo tempo, Jorquera instou o Executivo coruñés a que se dirixa á Xunta para que esta garanta a apertura ao público do palacete, sendo que este xa é a todos os efectos Ben de Interese Cultural.

Na mesma sesión de control ao Goberno Local, a concelleira do BNG Mercedes Queixas interesouse pola situación das bibliotecas municipais xestionadas de forma indirecta, marcada polo fin do contrato da actual concesionaria -a 31 de outubro- e polos antecedentes de precariedade laboral, con atrasos na percepción dos seus salarios, sufrida polo cadro de persoal.

Queixas instou o “goberno en minoría de Inés Rey” a que convocase canto antes a primeira reunión da Comisión Especial de Bibliotecas, constituída hai xa un ano, e a que se avanzase na unificación da rede de bibliotecas, tal e como o BNG pactara xa co PSOE no Acordo de Investidura do primeiro mandato da actual alcaldesa.

Mercedes Queixas na Biblioteca Municipal da Sagrada Familia.
Mercedes Queixas, na Biblioteca Municipal da Sagrada Familia.

A resposta de Gonzalo Castro é que existe o compromiso da continuidade na prestación do servizo “até que unha nova adxudicación estea garantida” e, canto á unificación da rede, para todas as bibliotecas municipais seren xestionadas directamente desde o Concello, remitiuse a un vago “estanse dando pasos”,

Sobre a posta en marcha da Comisión Especial das Bibliotecas, Castro avanzou que se reunirá por vez primeira o vindeiro 16 de novembro.

Finalmente, a concelleira do BNG Avia Veira cuestionou o Goberno Local sobre o funcionamento de BiciCoruña e, en concreto, sobre a necesidade de que se teñan en conta as queixas das persoas usuarias: estacións baleiras en horas punta (entradas ou saídas do traballo), falta de mantemento adecuado (bicis sucias, rodas con baixa presión), ausencia de puntos de ancoraxe na UDC...

Alén de resaltar que BiciCoruña xa superou “o millón de usos” e un investimento total de 5 millóns de euros, a resposta da concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas, Nereida Canosa, é que “os casos de mal uso son anecdóticos” e que “as tarefas de mantemento se fan a diario”.

 

A Comisión das Bibliotecas vaise reunir por fin e o Goberno Local mantén o compromiso de ir aos tribunais este ano pola Casa Cornide