AVIA VEIRA PÍDELLE EXPLICACIÓNS AO GOBERNO LOCAL
Códigos QR da Ruta Picasso: "Información non dispoñíbel. Sentímolo"
“Información non dispoñible. Sentímolo, pero esta información non está activa neste momento”. Esta é toda a resposta que se pode obter se unha persoa quere activar os códigos QR da ruta Picasso existentes na nosa cidade.
Así o comprobaron esta mañá, durante un paseo pola Rúa Real, Avia Veira e Mercedes Queixas –números 2 e 3 da candidatura do BNG nas eleccións do vindeiro 28 de maio.
“A ruta Picasso está desactivada. Temos un Goberno Local totalmente desactivado”, ironiza Mercedes Queixas, portavoz de cultura do BNG no Parlamento galego.
Así as cousas, Avia Veira anuncia que o Bloque vai rexistrar iniciativas no Concello para “coñecer por que está a acontecer isto, por que están desactivados os códigos QR, por que non se pode acceder á información da ruta Picasso na rede”.
Critica Veira que xusto no 50 cabodano de Picasso non estea a funcionar correctamente unha aplicación que xa se estreou hai anos nas rúas da cidade ligadas á historia do xenio. “É triste que, por exemplo, no mesmo local onde Picasso fixo a súa primeira exposición –foi en 1895, no número 20 da Rúa Real- pois non podamos acceder á información que dá conta dun episodio tan simbólico na vida do artista”, di Veira.
Aínda que a ruta Picasso depende do Consorcio de Turismo, é obvio que está tamén ligada á política cultural que se promove desde o Concello. “E aí quen ten que dar explicacións é Inés Rey, pois foi ela quen asumiu as competencias nese ámbito despois de llas retirar, nunha das cíclicas crises de goberno habidas durante este mandato, a Jesús Celemín. Estamos ante unha nova mostra do desleixo do Goberno Local nesta materia”, conclúe Avia Veira.