O BNG PÍDELLE AO GOBERNO LOCAL QUE DEA CUMPRIMENTO Á MOCIÓN APROBADA ESTE MESMO FEBREIRO
Coa veciñanza, en defensa da Fonte de Santo Amaro
Este sábado, a veciñanza de Monte Alto, convocada pola súa asociación veciñal, realizou un acto en defensa deses elementos patrimoniais, e máis en concreto da Fonte do Pincho, ao que asistiron a nosa concelleira Avia Veira e o noso secretario de Organización local, Fran Rei. “O informe arqueolóxico que sustenta a construción desta macrourbanización non foi quen de situar a fonte. Pois bastaba con que lle preguntasen a calquera veciño”, afirmou o músico e activista cultural Xurxo Souto a uns metros onde se colocaron sinais coas inscricións Fonte do Pincho e Fonte de Santo Amaro.
Para a Asociación Veciñal –díxoo durante a concentración o seu secretario, Camilo Pardo-, a edificabilidade autorizada no proxecto de urbanización é “abusiva” ao reducir o espazo para zonas verdes e agora o que cómpre facer é a vixilancia arqueolóxica “á que obriga a Lei do Patrimonio”.
“Non é de recibo que se nos diga que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta non ten medios suficientes” para localizar os restos do conxunto arquitectónico e etnográfico de Santo Amaro, afirmou Pardo.
O BNG partilla as demandas veciñais e pídelle ao Goberno Local que dea cumprimento ao mandato do Pleno.
A moción nacionalista instaba o Executivo coruñés a “vixiar arqueoloxicamente as obras de urbanización do PEH3.01 Santo Amaro” e a impulsar “a través de sinais explicativos, un proxecto de recuperación da memoria dos elementos arquitectónicos e etnolóxicos desaparecidos: batería de Durmideiras, castelo de Santo Amaro, capela de Santo Amaro e fonte de Santo Amaro ou do Picho”.
“Desde logo fiscalizaremos que os acordos contidos nesa moción se leven a efecto”, dixo Avia Veira.