Cimeira do porto: Jorquera pídelle a Inés Rey que abandone a súa "condescendencia" co Estado
O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, vai levar os resultados da cimeira do porto ao Pleno do Concello que vai ter lugar o vindeiro xoves 4 de marzo.
O voceiro nacionalista quere saber que valoración fai o Goberno Local da xuntanza das distintas administracións públicas realizada en María Pita o pasado martes 23 de febreiro.
“Baixo o noso punto de vista, a cimeira foi un auténtico fiasco e nela escenificouse unha aldraxe para a nosa cidade”, avalía Jorquera. “O Estado non comprometeu fondos nin calendario de execución para o enlace ferroviario a Punta Langosteira, negouse a condonar a débeda da Autoridade Portuaria ou a procurar unha solución análoga –a diferenza do que fixo en Valéncia- e mesmo abriu a porta a que se perpetre un pelotazo urbanístico cos terreos do porto”, denuncia o portavoz nacionalista.
Jorquera avanza que na interpelación que dirixirá ao Goberno Local no Pleno do 4M “instaremos a Inés Rey a que poña os intereses da cidade por riba dos intereses do seu partido”.
“Ímoslle pedir que abandone a súa actitude de condescendencia co Goberno do Estado e sexa firme e esixente contra a discriminación que sofremos como cidade”, concluíu.