Votamos a favor dos convenios para apoiar as entidades, non o Goberno Local, a quen reprochamos a lenta tramitación

Jorquera e Avia nos escanos
O Bloque Nacionalista Galego votou esta mañá a favor da aprobación das modificacións de crédito con cargo aos orzamentos do Concello de 2020 (prorrogados) para dotar de recursos os convenios nominativos coas entidades sociais, deportivas e culturais da cidade.
Votamos a favor dos convenios para apoiar as entidades, non o Goberno Local, a quen reprochamos a lenta tramitación

“Imos votar a favor para apoiar as entidades sociais, non para apoiar o Goberno Municipal”, esclareceu na súa intervención o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera.

Sabía o Goberno Local, explicitou o voceiro nacionalista, “cal foi a actitude do BNG desde o principio” da tramitación deste asunto. “Non demandamos grandes modificacións no anexo de subvencións nominativas, mais si celeridade na aprobación dos convenios”, sendo que estamos a falar de “entidades que fan un traballo social insubstituíbel e máis coa que está caendo. Entidades que teñen traballadoras e traballadores ao seu cargo e quen sen apenas outras fontes de ingresos levan meses agardando pola aprobación do convenio”.

Mais infelizmente non houbo esa celeridade e si unha exasperante lentitude. “Esta modificación chega tarde, mal e arrastro”, dixo Jorquera quen a este respecto lembrou que a prórroga dos orzamentos, que contou coa oposición do BNG entre outros argumento porque pola súa propia natureza os convenios non son prorrogábeis, foi anunciada por parte do Goberno Local, en resposta a unha pregunta do BNG, hai precisamente cinco meses. “E tivemos que esperar cinco meses, dende aquel anuncio, para que os convenios chegasen a este pleno. Sinceramente non o entendemos”, remarcou o portavoz nacionalista.

FJO BNG criticou esta “lentitude”, reiterou Jorquera. “Se o apoio ao tecido social e aos sectores máis afectados pola pandemia non encabezan a orde de prioridades do Goberno Local, cales son as súas prioridades entón?”, preguntoulle ao executivo coruñés o portavoz nacionalista.

En todo caso, esclareceu Jorquera que o “noso si” é, alén de máis, “condicionado” a que a presente modificación orzamentaria  -destinada aos “convenios máis apremiantes”- se vexa acompañada de ulteriores alteracións para “incrementar recursos e incorporar máis entidades”.

E é que o BNG subliña que “hai entidades que solicitaron convenios e non están incluídas no anexo de subvencións nominativas que figura nesta modificación orzamentaria” e existen tamén outras asociacións “que sofren unha diminución de recursos a respecto do pasado ano”.

Por tanto, dixo Jorquera na conclusión da súa intervención, o que cómpre é “acelerar tamén a convocatoria de subvencións en concorrencia competitiva e hai que axilizar, dunha vez por todas, a negociación do novo PRESCO”.

 

Votamos a favor dos convenios para apoiar as entidades, non o Goberno Local, a quen reprochamos a lenta tramitación