O BNG SOLIDARÍZASE CO CADRO DE PERSOAL QUE CHAMA Á FOLGA O 8D
Ante a chantaxe de Albada, o concello debe contemplar todos os escenarios, incluída a intervención directa
“A empresa está a utilizar os traballadores da planta como reféns”, denuncia Jorquera, quen expresa a solidariedade do BNG co cadro de persoal de Nostián perante a folga convocada para o día 8 de decembro.
“É inadmisíbel a actitude de chantaxe da empresa. Quen é ela para dicir que vai deixar de recoller o lixo do Consorcio das Mariñas a partir do 1 de xaneiro? Legalmente está obrigada a manter o servizo nas condicións actuais mentres non se resolva o novo concurso. O concello debe actuar con absoluta firmeza perante prácticas que só cabe cualificar de mafiosas, con graves prexuízos para os intereses dos traballadores, cun ERE que afecta 40% do cadro de persoal e con recortes serios sobre as condicións pactadas no anterior convenio colectivo. Se a empresa non cumpre coas súas obrigas, o concello debe contemplar o escenario de asumir directamente a xestión”, afirma o portavoz do BNG en María Pita.
Jorquera lamenta que a lentitude na tramitación teña impedido que unha nova concesionaria se puidese facer cargo do servizo a 1 de xaneiro e empraza o Goberno Local a que acelere no posíbel o proceso de relevo ao fronte da concesión.