ESPOLIO DA CIDADE
Cesión de balde dos terreos da Solana e Hotel Finisterre, si ou si!
Trasladamos ao Pleno a moción achegada pola Comisión Aberta en Defensa do Común pola que se esixe á Autoridade Portuaria a devolución gratuíta dos terreos da Solana e o Hotel Finisterre
Recollemos así a proposta que a Comisión entregou a todos os grupos municipais e agardan que finalmente sexa asinada por todos e aprobada unanimemente
Seguimos e seguiremos insistindo en que non cabe outra actuación por parte da Autoridade Portuaria que a devolución gratuíta dos terreos ao seu lexitimo dono, o pobo da Coruña. Entendemos que temos que impedir o espolio da nosa cidade e esixir a reprobación do acordo polo que de novo saen á poxa eses terreos xa que logo o obxecto desta é o de pagar, a conta dos nosos petos e pola parte de atrás, o nefasto negocio que supuxo o modelo de financiamento do Porto Exterior
Presentamos por rexistro a proposta de moción que lle trasladou a todos os grupos municipais a Comisión Aberta en Defensa do Común, e pola cal se esixe á Autoridade Portuaria a devolución gratuíta dos terreos da Solana e o Hotel Finisterre.
Deste xeito, recollemos a proposta que a Comisión aprobou e que achegaron tanto ao Goberno municipal como ao resto de grupos, e agardan que esta moción sexa asinada por todos e aprobada unanimemente no Pleno que se celebrará este vindeiro luns.
Asemade, na propia moción tamén se solicita que se convoque unha reunión con todas as forzas políticas, sindicais, sociais e a todo o movemento asociativo da Coruña para conseguir, a través dunha convocatoria aberta, o apoio a todas estas reivindicacións así como apoiar as iniciativas e convocatorias da Comisión Aberta en Defensa do Común. Tamén se solicita que o goberno municipal facilite a infraestrutura necesaria para as súas actividades e que coloque na fachada do palacio de María Pita, como noutras ocasións, unha pancarta co lema «BASTA XA DE ESPECULACIÓN. DEVOLUCIÓN GRATUÍTA DA SOLANA E HOTEL FINISTERRE» e que se convoque unha gran mobilización cívica para conseguir estes obxectivos.
Na iniciativa, solicitamos a proposta da Comisión que o Concello presente os recursos xurídicos necesarios para impedir esta actuación especulativa da Autoridade Portuaria e impedir a continuación da poxa, co obxecto de garantir a titularidade municipal e o uso público da Solana e do Hotel Finisterre, adoptando as necesarias modificacións do Plan Xeral de Ordenación Municipal ou, no seu caso, expropiación e, por último, solicitar da Xunta de Galicia un pronunciamento público do Parlamento de Galicia en defensa dos intereses da cidade Coruña, algo que xa demandamos ao longo desta semana.
Seguimos e seguiremos insistindo en que non cabe outra actuación por parte da Autoridade Portuaria que a devolución gratuíta dos terreos ao seu lexitimo dono, o pobo da Coruña. Entendemos que temos que impedir o espolio da nosa cidade e esixir a reprobación do acordo polo que de novo saen á poxa eses terreos xa que logo o obxecto desta é o de pagar, a conta dos nosos petos e pola parte de atrás, o nefasto negocio que supuxo o modelo de financiamento do Porto Exterior.
A Coruña, 5 de xaneiro de 2017
Artigos relacionados:
- Queremos que a Xunta e o seu Presidente defendan os intereses do pobo da Coruña
- Esiximos a devolución gratuíta dos terreos da Solana e do Hotel Finisterre
- Veira: "O lóxico sería que a Autoridade Portuaria cedese de balde os terreos da Solana"
- Veira: "O Goberno ocultou información ou está improvisando a respecto da Solana-Finisterre"
- Estase realizando un "cambio de cromos" a conta da venda da Solana-Finisterre?
- O Parque Ofimático, os peiraos interiores e os terreos do Finisterre-Solana a Pleno o día 11
- Veira: "Se é o Concello compra os peiraos interiores estará financiando por atrás o Porto Exterior"
- Avia Veira: "É vergoñenta e inadmisíbel a posta á venda do Hotel Finisterre e a Solana"
- Solana-O Parrote: outro cambiazo do PEPRI imposto a última hora polo PP
- O BNG pídelle ao Goberno local e á Autoridade Portuaria que non enganen o pobo no caso da Solana
- Solana e hotel Finisterre: o BNG advirte dunha grande operación de venda destes terreos