O BNG esixe que o Goberno municipal faga públicos xa os resultados das auditorías de Nostián
A Coruña, 31 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG rexistrou esta mañá dúas iniciativas para acceder ao ditame do Consello Consultivo sobre Nostián e para acceder ao informe das auditorías. Ademais, os nacionalistas esixen que se fagan públicos xa os resultados das auditorías, dos que xa ten coñecemento o Goberno municipal, no canto de estar a negociar ás agachadas coa empresa. Deste xeito, coñeceríase os incumprimentos que hai por parte de Albada respecto do volume de tratamentos rexeitados e determinaríase de que parte é responsábel a empresa e de que parte é responsábel o Concello, en función do contrato de concesión.
E unha vez que se fagan públicos, sinala o Grupo Municipal do BNG, o Goberno do Sr. Negreira aínda estaría a tempo de solicitar a declaración de lesividade do acordo de 8 de abril de 2011, se é que o Goberno municipal segue entendendo que este acordo, que non contou co apoio do BNG, era incorrecto, procedemento que era o que lle demandaran os nacionalistas desde o principio.
Por último, os nacionalistas esixen que se faga canto antes porque unha vez que quede rexeitada a revisión de oficio chapuceira aprobada polo Goberno municipal en decembro de 2011 abrese a vía á responsabilidade patrimonial do Concello, que podería derivar no pago de indemnizacións económicas.