Caxigal pide melloras no Barrio das Flores
A Coruña, 16 de setembro de 2012.- Logo de varias xuntanzas con veciños e veciñas do Barrio das Flores, o concelleiro Xan Caxigal faise eco dos múltiples incumprimentos do Sr. Negreira. O edil nacionalista critica que o Goberno local teña o barrio abandonado. De aí que rexistrara unha batería de preguntas para resposta escrita en que se fai eco das queixas dos habitantes desta zona.
Caxigal sinala na iniciativa que, ano e medio despois de que Negreira tomara posesión como alcalde, nada hai da mellora de pavimentación nas calzadas, que seguen co firme deteriorado; tampouco se acondicionaron as beirarrúas que se atopan en mal estado; non se renovaron os colectores do lixo; non se puxeron á disposición da cidadanía novos puntos de recollida selectiva e non se melloraron as baixantes de pluviais nin os sumidoiros.
Tamén critica o nacionalista a ineficacia do Plan Rúa neste punto da cidade, malia o dispendio en propaganda do plan rúa, abonda con camiñar polas rúas e prazas para decatarse de que o Plan Rúa é unha fraude no Barrio das Flores.
Dificultades na accesibilidade
Caxigal advirte de que o Goberno do Sr. Negreira segue sen cumprir promesas como o arranxo da pista de chave e de que, pola contra, está a construír a pista polideportiva, necesaria para o barrio, tarde, mal e arrastro. Como xa denunciara o BNG noutra iniciativa, este novo equipamento compromete a seguridade dos veciños e veciñas, ao impedir o paso de ambulancias, camións de bombeiros e mesmo cadeiras de rodas.
No que respecta á accesibilidade, o concelleiro nacionalista denuncia que o Goberno local aínda non acometeu ningunha actuación ao respecto. Pon de manifesto as dificultades que soportan no barrio as persoas con mobilidade reducida. Ademais, reclama a necesaria actuación integral a través dun plano de rehabilitación no Barrio das Flores.
Critica os múltiples incumprimentos do Goberno do Sr. Negreira, que ten o barrio no abandono
Tamén lle solicita Caxigal ao Goberno do Sr. Negreira a actuación inmediata no pasadizo cuberto, que sofre un grave deterioramento, con cascallos desprendidos ao chan.
Neste contexto, o concelleiro do BNG presentou unha serie de preguntas sobre o barrio para coñecer cando acometerá o Goberno local a mellora nas calzadas, cando acondicionará as beirarrúas en mal estado, cando renovará os colectores do lixo e instalará máis papeleiras e puntos de recollida selectiva, cando mellorará a limpeza, cando mellorará a rede de sumidoiros, cando ten previsto declarar o barrio como zona ARI, cando amañará o pasadizo e cando acometerá actuacións para a accesibilidade.