A pista en contrución do Barrio das Flores non permite nin o paso de ambulancias
A Coruña, 14 de setembro de 2012.- O concelleiro do BNG Xan Caxigal vén de rexistrar unha iniciativa sobre a pista polideportiva en construción no Barrio das Flores, cuxo emprazamento está a xerar certa alarma entre a veciñanza por impedir o paso de camións de bombeiros ou de ambulancias.
Caxigal, que defende a necesaria construción desta pista no barrio, mais nunha localización axeitada, explica que este novo equipamento está situado diante do acceso principal para o público do polideportivo municipal do Barrio, na confluencia das rúas Camelias, Petunias e Lirios. "A principal preocupación ten a ver co acceso dos vehículos de emerxencia ás vivendas dos inmobles situados nestas rúas", apunta. O nacionalista advirte, ademais, que queda condicionado o acceso ao polideportivo público ás persoas con mobilidade reducida.
Neste contexto, Caxigal critica que o PP recorrera ás mentiras relacionadas coa falta de accesibilidade de vehículos de emerxencia para destruír a mediana da Avenida de Oza e así cumprir unha promesa electoral, cando, á vez, constrúe no Barrio das Flores unha pista de 38.000 euros que impide o paso de bombeiros, ambulancias e persoas con mobilidade reducida.
A situación da polideportiva incumpre o Plan Xeral
Ademais, o concelleiro do BNG denuncia que o emprazamento desta nova pista, ao estar construído no viario, tal e como pode comprobarse nos planos que achegamos do PXOM de 1998 e do PXOM aprobado provisionalmente o pasado mes no Pleno municipal.
Estes motivos levaron os nacionalistas a presentar unha batería de preguntas respecto a pista polideportiva. Caxigal pregúntalle ao Goberno local se existe algún informe de accesibilidade de vehículos de emerxencias para a contorna que garanta a seguridade das persoas residentes, se é compatíbel a instalación da pista polideportiva cun plano de evacuación de emerxencia do polideportivo, se está garantido o acceso ao públicos das persoas con mobilidade reducida, se a calificación urbanística de solo é compatíbel con estes usos e se ten previsto o Goberno local algunha localización alternativa para un equipamento tan necesario e tan demandado no Barrio das Flores.