UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA

Queremos acceder ao convenio que o Estado lle enviou ao Concello sobre a antiga prisión provincial

Antigo cárcere
A concelleira do BNG Avia Veira acaba de rexistrar unha petición de acceso ao convenio que a Sociedade Estatal de Penitenciarías lle remitiu no seu día ao Goberno Local para traspasar ao Concello da Coruña a antiga prisión provincial.
Queremos acceder ao convenio que o Estado lle enviou ao Concello sobre a antiga prisión provincial

Os servizos municipais teñen ese convenio desde hai máis dun ano, mais a súa existencia foille ocultada ao portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, quen preguntou pola cuestión da cadea no pleno de febreiro pasado sen que o voceiro do Executivo coruñés, José Manuel Lage, fixese ningunha alusión a ese documento.

“Falamos dun convenio de cuxa existencia temos constancia grazas aos medios de comunicación e non grazas a un Goberno de Inés Rey que nolo ocultou a mantenta”, denuncia Avia Veira.

O BNG quere coñecer os termos exactos do convenio e manifesta a súa preocupación, “pois a pouca información que temos vai na dirección de termos que volver pagar por uns terreos que son municipais e apunta tamén A que o Estado se nega a facerse responsábel da rehabilitación do inmóbel”. “Non pode fuxir desa responsabilidade porque foi o Estado quen deixou morrer o cárcere, a pesar de ser un edificio protexido, unha vez que o deixou de empregar para a finalidade para o que foi construído”, alega Veira.

Para o grupo municipal do BNG, o único convenio admisíbel coa Sociedade Estatal de Penitenciarías ten que pasar pola gratuidade do traspaso [sen asumir o pagamento de 1,2 millóns de euros por parte do Concello] e ten que pasar por que o Estado asuma o compromiso de rehabilitar o inmóbel. “Calquera cousa distinta a esa sería unha tomadura de pelo para A Coruña”, afirma Veira.

En todo caso, o contido do convenio remitido ao Concello revela o “pouco peso político” do Goberno Local da Coruña diante do Executivo central. “Non é quen de acadar das súas compañeiros e compañeiros de partido acordos beneficiosos e xustos para A Coruña”, acrecenta a concelleira nacionalista.

E é mágoa porque o cárcere “pode e debe ser un edificio municipal de múltiples usos, culturais, veciñais, e pode e debe acoller un centro de interpretación e servizos para a Torre de Hércules”, unha vella reivindicación do BNG, conclúe Veira.

 

 

 

 

Queremos acceder ao convenio que o Estado lle enviou ao Concello sobre a antiga prisión provincial