Con que cartos vai financiar o Goberno municipal a execución do PEPRI?

Con que cartos vai financiar o Goberno municipal a execución do PEPRI?

A Coruña, 13 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG pregúntase con que fondos vai financiar o Goberno do Sr. Negreira a execución do PEPRI, que ascende a 87.597.411,77 euros, que é o resultado de sumar as actuacións urbanísticas de reurbanización do espazo público, valoradas en 16.203.411,77 euros, coas accións de rehabilitación privadas, valoradas en 71.394.000 euros. Trátase dunha contía que non se fai acompañar, en ningún momento, de ningunha previsión de gastos e ingresos por parte do Concello.

No apartado específico de avaliación económica das actuacións de urbanización do espazo público (isto é as actuacións de reurbanización de Cantóns-A Mariña, Santo André-Panadeiras, Juana de Vega, Circunvalación Cidade Vella-Rosario-Maestranza, Circunvalación Cidade Vella-Maestranza-Xardín de San Carlos, Circunvalación Cidade Vella-Xardín de San Carlos-Paseo do Parrote, Metrosidero-Paseo Marítimo, Marqués de Pontejos-Mercado de Santo Agostiño, Corralón-Rúa do Sol, Rúa do Sol-Rúa Alta, Zalaeta-Museo de Belas Artes, Praza de Ourense-Linares Rivas, Cidade Vella. Accesibilidade, Contorno Muralla-Hospital Abente y Lago e outras actuacións estensivas de reurbanización), o estudo económico e programa de actuación avalía o custo en 16.203.411,77 euros, mais en ningún momento documenta a existencia da necesaria e indispensábel suficiencia orzamentaria do Concello para estas actuacións urbanísticas de reurbanización do espazo público.

E no apartado específico de avaliación económica das accións de rehabilitación privadas, (isto é o programa rehabilitador dirixido ao 20,93% do parque edificado do cómputo), o estudo económico e programa de actuación avalía o seu custo en 71.394.000 euros. Chama a atención que simplemente se sinalan, como medidas de fomento da conservación e da rehabilitación privadas, en primeiro lugar, as fiscais (IRPF, IBI, Imposto sobre Incremento de Valor dos Terreos, Imposto sobre construcións, instalacións e obras), cando algunha delas xa ten data de caducidade clara (como é o caso da eliminación no 2013 da desgravación por rehabilitación de vivenda). E, en segundo lugar, as axudas xerais a través do Plan Estatal de Vivenda 2009-2012, precisamente cando este plan remata este mesmo ano e non se ten coñecemento da contía económica do plan para o tramo temporal de 2013-2016, que, con toda probabilidade, sufrirá algunha diminución respecto de anos anteriores, visto que o secretario de Estado de Infraestruturas, Transporte e Vivenda sinalou onte na Comisión de Fomento que "se buscarán economías de escalas para incentivar a las empresas privadas a participar en las actuaciones de rehabilitación".

 

 

Con que cartos vai financiar o Goberno municipal a execución do PEPRI?