Carril: "O pobo responde ao furor mercantilista do PP presentando alegacións contra a suba da auga"
A Coruña, 13 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG fixo entrega esta mañá por rexistro de máis de 1.700 alegacións de particulares contra a suba do recibo da auga recollidas polos nacionalistas ao longo dos barrios da cidade, unhas alegacións que se suman ás que foron entregando a título individual veciños e veciñas da Coruña. De acordo coa Lei 8/1989, de Taxas e Prezos Públicos, a través destas alegacións, que son froito das asembleas abertas convocadas polo BNG en todos barrios, os e as veciñas solicitan que non se suba o recibo da auga (auga, sumidoiro e depuración) e que se adopten medidas necesarias para mellorar o servizo e abaratar o seu custo, garantindo a súa calidade.
En declaracións aos medios, o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, acompañado das concelleiras María Xosé Bravo e Avia Veira, puxo de manifesto que unha das modificacións das ordenanzas máis conflitivas é, precisamente, a que incide no encarecemento da auga, consecuencia das mudanzas nas ordenanzas 5 (reguladora da taxa por subministro e utilización de auga potábel) e 7 (reguladora da taxa por prestación de servizo de sumidoiro e depuración de augas residuais).
Nesta liña, Carril criticou o furor mercantilista excluínte do PP que provoca que paguen máis polas necesidades básicas as persoas que menos teñen, e puxo como exemplo a propia suba da auga, a suba do IBI ou do prezo do billete do bus. E este furor mercantilista e excluínte do PP ten unha contestación clara e evidente por parte da cidadanía da Coruña, que está a notar a asfixia social á que a someten o PP, o alcalde e este Goberno municipal, sinalou. Ante isto, a xente responde advertindo de que non se pode seguir con esta política de asfixia social á inmensa maioría da poboación en beneficio único e exclusivo dunhas elites, engadiu.
A continuación, Carril ilustrou a política fiscal do Partido Popular: afoga as maiorías sociais, afoga a cidadanía, e segue cos beneficios, agasallos e agarimos aos que máis teñen. Deste xeito, o PP failles pagar máis ás persoas que menos teñen e evítalles o pago aos que máis teñen, concluíu.
Os veciños e veciñas aínda poden seguir presentando alegacións particulares contra estas ordenanzas, xa que o prazo de presentación de alegacións conclúe mañá, venres.
Hai capacidade para cambiar as regras do xogo co fin de facerlles pagar máis ás persoas con máis cartos
En resposta ás preguntas dos medios, Carril desmentiu que estea fóra do alcance do Goberno cambiar as regras do xogo. Do mesmo xeito que o PP tivo poder para baleirar de competencias os parlamentos para darlles poder aos mercados, o PP ten a posibilidade de recuperar ese poder marcándolles regras estritas aos funcionamentos dos mercados e para que paguen máis as persoas que máis teñen, explicou. É totalmente falso iso de que é imposíbel e que hai unha lei natural pola que todo é ordenado polos mercados, engadiu.
Outra cousa é que non se queira facer nada porque os principais partidos políticos, como o PP e tamén o PSOE, non funcionan como tales, xa non son correntes de pensamento e de transmisión os intereses e das necesidades da cidadanía, senón que son unica e exclusivamente xestorías dos mercados e do capital transnacional, por iso din que non hai nada que facer, concluíu.