Carril: "O PXOM do PP só beneficia os seus amigos promotores, en detrimento da cidade"
A Coruña, 5 de setembro de 2012.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, participou na tarde de hoxe nunha mesa redonda sobre o PXOM, convidado pola A VV O Castrillón IAR, xunto cun representante do Grupo Municipal do PSOE e co presidente da asociación veciñal.
Na súa exposición, Carril, ademais de aludir á chapuzada do Goberno local ao subir á páxina web do Concello un documento do PXOM diferente ao aprobado en Pleno, debullou os cambios do plan aprobado polo PP en relación ao documento de aprobación inicial de 2009. O PP introduciu cambios cualitativos realmente importantes para beneficio único e exclusivo dos seus amigos os promotores, en detrimento, claro está, da propia cidade. Así, citou a reclasificación de solo respecto do documento de 2009, incrementando a superficie de solo urbano (en especial, o consolidado) e reducindo o solo non urbanizábel (o rústico).
Tamén falou do aumento da edificabilidade e do incremento das alturas en determinadas zonas de actuación e explicou que, en moitos destes casos, o Concello da Coruña deixa de ter a iniciativa, ao pasar de pública (sistema de cooperación) a privada (sistema de compensación). Ademais, puxo de manifesto que, no caso das Rañas, fica consolidado o pelotazo de Collazo, Jove e Soto, fica incrementada a superficie do sector e a superficie edificábel e, por último, fican reducidas as dotacións para equipamentos, espazos libres e zonas verdes.
Ademais, denunciou que hai unha menor porcentaxe de reserva para vivenda protexida, precisamente por aplicación da nova Lei de Vivenda de Galiza, unha redución que, salientou, podería chegar só ao 8 por cento do solo reservado a vivenda protexida.
En materia de convenios urbanísticos, Carril afirmou que o Goberno non só os mellora en condicións urbanísticas para beneficio dos promotores (como no sucede co das Rañas), senón que suprime expresamente o convenio do Porto, coa única finalidade de beneficiar á Autoridade Portuaria e os promotores. Outro pelotazo universal polo que se suprime a obrigatoriedade de destinar o 50 por cento a vivenda protexida e polo que, ademais, se incrementan as alturas con edificios de ata 10 plantas, con todo o impacto visual que isto terá.
Os mamotretos da contorna de Hércules tamén foron criticados polo nacionalista, quen denunciou que o PP agasalla os promotores incumprindo as medidas de protección ditadas pola UNESCO e contradicindo o informe de patrimonio da Xunta. Trátase dunha solución arriscada que podería non ser aceptada por Patrimonio, segundo sinala o propio Sr. Busquets, apuntou. O goberno municipal teima con esta aberración de enorme impacto sobre a Torre, consolidando o impresionante pelotazo da recualificación de 1998 do seu mentor o Sr. Paco Vázquez, engadiu. Sobre este tema, Carril lembrou que o PP segue ser dar razóns polas que rexeitou no Pleno de outubro a moción do BNG para revisar de oficio os Estudos de Detalle aprobados no 2001-2002 cos votos en conta do BNG e que, ademais de careceren de eficacia xurídica (nunca foron publicados), son nulos de pleno dereito (por non se ter requerido informe previo de Patrimonio). E o PP non o fai, porque as razóns non son outras que amparar a uns promotores que encargaron a redacción dese Estudo de Detalle ao actual director de Urbanismo, sr. Otero Grille, denunciou.
Carril explicou na súa intervención que o BNG deu o seu visto bo á aprobación inicial do documento, que o único que significaba era só o inicio do procedemento administrativo da revisión do plan xeral de ordenación municipal. E fixo isto, condicionando a súa posterior aprobación provisional á necesidade de mellorar en moitos aspectos, melloras relacionadas directamente coa necesidade de acabar coa política urbanística do Sr. Paco Vázquez e iniciar unha aposta seria pola rexeneración urbanística en todos os sentidos na nosa cidade, manifestou.
As mentiras do PP
A continuación, Carril aludiu ás mentiras que o PP contou antes na oposición e agora no goberno municipal, facéndonos responsábeis de cousas que non eran certas e polas que se pretendía confundir a cidadanía cunha finalidade claramente incendiaria e electoralista. E as mentiras do PP non só as evidencia o BNG, senón tamén o propio Sr. Busquets, sinalou. Abonda con ler o informe elaborado polo seu equipo para dar resposta ás alegacións presentadas polo PP en febreiro de 2010 ao documento inicialmente aprobado e exposición pública.
Este informe do Sr. Busquets contén unha crítica demoledora ao PP, desmonta as mentiras e falsidades do PP en moitas cuestións (sinaladamente, as relacionadas co réxime de fóra de ordenación) e, por último, cualifica as alegacións do PP de erróneas, paradoxais e incomprensíbeis, ademais de contrarias á normativa legal.
O informe de Busquets e o documento do PXOM do Pleno proban que o que defendía o PP na oposición con fraude é contrario do que aprobará hoxe, evidenciando o continuísmo da política urbanística do Sr. Vázquez e de submisión ás promotoras privadas, concluíu.