Carril non tomará posesión como edil por "ética, coherencia e responsabilidade"

Carril non tomará posesión como edil por "ética, coherencia e responsabilidade"

1. XoseA Coruña, 4 de xuño de 2015.- Xosé Manuel Carril anunciou esta tarde perante a Asemblea Aberta a súa decisión persoal de non tomar posesión como novo concelleiro “por ética, por coherencia e por responsabilidade” logo dos resultados electorais obtidos polo BNG-Asembleas Abertas.

As compañeiras e compañeiros presentes na asemblea aberta expresaron de maneira unánime que non comparten, en absoluto, a decisión de Carril logo do excelente traballo do Grupo Municipal ao longo destes catro anos. Malia non compartir a decisión, as persoas que asistiron á asemblea acordaron respectar o anunciado por Carril.

Carril salienta que seguirá traballando no BNG, na rúa e nas loitas sociais

Animado e ilusionado, Carril puxo de manifesto que seguirá traballando no proxecto no que acredita e que é necesario para este país: o Bloque Nacionalista Galego, ademais de na rúa e nas distintas loitas sociais. E vaino facer, segundo declarou, coa mesma coherencia, sinceridade e intensidade que mantivo durante os últimos cinco anos, desde que foi elixido en xuño de 2010 candidato do BNG ás eleccións de 2011.

Avia Veira tomará posesión como concelleira do BNG

Pola outra banda, as persoas presentes na asemblea aberta adoptaron a decisión, por unanimidade, de que sexa Avia Veira quen tome posesión como edila do BNG.

 

Carril non tomará posesión como edil por "ética, coherencia e responsabilidade"