Carril, Louro e Bermello pecharán a campaña na Cubela
A Coruña, 18 de outubro de 2012.- O BNG da Coruña pechará a campaña electoral mañá venres cun acto público na Cubela, a partir das 19.30h, no CEIP San Francisco Xabier. No acto, intervirán Xosé Manuel Carril, portavoz municipal do BNG, Vitoria Louro, candidata, e Suso Bermello, candidato, que pedirán o voto ao BNG para que non nos roube o futuro e para rematarmos coas políticas inxustas e crueis do PP.
O BNG remata así un programa organizativo que contou con actos públicos en todos os barrios da Coruña e con actos sectoriais en que os nacionalistas expuxeron o programa de Goberno cos diversos colectivos. Tamén houbo repartos de material informativo, cada día, ao longo da cidade.
O director de campaña e responsábel local do BNG, Raúl Fernández sinala que foi unha campaña de diálogo e de contacto directo coa veciñanza, fiel reflexo do traballo constante que realiza o BNG polo País que contou con boa receptividade por parte das persoas que se achegaron a coñecer as nosas iniciativas. Precisamente, respondendo a ese contacto directo do BNG coa cidadanía, os nacionalistas convidaron a cada mitin, para intervir, a persoas que sofren de primeira man a nefasta política do PP, como sindicalistas, docentes, persoal médico e sanitario, persoas dependentes, persoas paradas, estudantado, mozos e mozas, persoas afectadas por un ERE...
O BNG da Coruña, ademais de contar coas candidatas Ana Luísa Bouza, Ana Pontón, Vitoria Louro e co candidato Suso Bermello, que insisten en que hai que transformar as protestas nas rúas nun cambio no Goberno galego que pode vir co voto ao BNG, dispuxo tamén da participación do cabeza de lista pola Coruña, e candidato do BNG á Presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera e do portavoz nacional Guillerme Vázquez en varios actos públicos aos que concorreu a cidadanía da Coruña.
Precisamente esta tarde o BNG celebra o seu acto central na Coruña, coa presenza do portavoz municipal, Xosé Manuel Carril, do portavoz nacional, Guillerme Vázquez, da candidata número dous pola Coruña, Ana Pontón, e do cabeza de lista, Francisco Jorquera. Terá lugar ás 20h no Palexco.