Ana Pontón: "O BNG representa a solución máis xusta e galega para saírmos da crise"
A Coruña, 18 de outubro de 2012.- O BNG realizou esta mañá repartos de material informativo ao longo da cidade para convidar a veciñanza a asistir ao acto central que os nacionalistas celebran esta tarde, a partir das 20h, no Palexco, acto en que intervirán o portavoz municipal Xosé Manuel Carril, o portavoz nacional, Guillerme Vázquez, a candidata número 2 pola Coruña, Ana Pontón, e o candidato á Presidencia da Xunta, Francisco Jorquera.
En declaracións aos medios nun dos repartos, que tivo lugar en Catro Camiños, Ana Pontón sinalou que neste momento, o BNG representa a maneira máis xusta e galega para saír da crise e representa, tamén, o mellor xeito de facerlle fronte ao PP. A nacionalista puxo de manifesto que o PP está a levar a cabo políticas que arrasan dereitos e liberdades. Porén, expuxo que o BNG é a alternativa sólida ao PP, cun programa asentado nas necesidades de Galiza.
Afirmou a candidata nacionalista que se o domingo os galegos e galegas que saíron á rúa contra os recortes do PP e en defensa da lingua, do emprego, da sanidade, do dereito... acoden ás urnas e votan o BNG haberá derrota do PP e un cambio nestas políticas da dereita que nos están a levar á marxinalidade e á exclusión social. O futuro depende de todas e de todos nós, porque a política é a arma que temos como sociedade para nos defender, concluíu.
A única maneira de saírmos da crise con xustiza social: soberanía, democracia e traballo
Pola súa banda, Xosé Manuel Carril, que, xunto á concelleira Ermitas Valencia acompañou a Ana Pontón, expuxo que nunca tivo maior sentido que na actualidade pedirmos traballo para acabarmos co paro aproveitando os nosos sectores produtivos. Nunca tivo maior sentido común pedirmos democracia cando son os mercados quen deciden por nós e nunca tivo maior sentido común pedirmos soberanía para poder ter máis traballo e máis democracia, sinalou.
E, hoxe por hoxe, este sentido común non deixa de ser revolucionario e a única maneira de saírmos da crise con xustiza social é, precisamente, apostando polo traballo, pola democracia e pola soberanía, tres cuestións nas que se artella o programa electoral como alternativa ás políticas de recortes, de austeridade e de desmantelamento de servizos públicos de Feijóo e do PP, salientou, en declaracións aos medios.
Esta lexislatura foi negra para o ensino
En resposta ás preguntas dos medios sobre as protestas da comunidade educativa, Ana Pontón sinalou que se hai protestas contra a política en materia de ensino do PP é porque hai problemas, malia que o PP trate de agochar con mentiras e demagoxia o desastre que provocaron. Esta lexislatura foi negra para o ensino: o maior ERE do país tivo lugar, precisamente, no ensino, con miles de interinos despedidos, eliminouse a gratuidade dos libros de texto e, agora, o PP quere impoñernos un modelo clasista, elitista e antigalego, apuntou.
Por último, acusou o PP de tratar de socavar o dereito da cidadanía á educación e a xogar co futuro da mocidade e do país.