Carril empraza o alcalde a garantir a seguridade do transformador eléctrico de Palavea
A Coruña, 23 de xullo de 2013.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, visitou na mañá de hoxe o barrio de Palavea, convidado por un grupo de veciños e veciñas, para coñecer de primeira man as fendas, en que colle a man, do transformador eléctrico situado no campo da Pena. O portavoz nacionalista xa se dirixiu esta mañá ao alcalde a través dun escrito para lle solicitar unha reunión coa veciñanza do barrio, co fin de rematar co perigo derivado do lamentábel estado en que se atopa o transformador, do que, cada vez que chove, saen chispazos.
Carril e mais os veciños e veciñas explicaron en declaracións aos medios que o pasado 16 de xuño, domingo e festa en Palavea, caeu a cornixa do transformador, que provocou un forte chispazo cun grave risco de incendio. Ademais de obrigar a suspender a festa, o desprendemento da cornixa e o chispazo deixaron sen luz todo o barrio. Despois de que os veciños e veciñas chamaran a Fenosa, restabeleceuse a electricidade e a policía local precintou o parte do perímetro do transformador cunha cinta.
Unha vez coñecido este feito, a 26 de xuño, o Grupo Municipal do BNG presentou unha batería de preguntas para a resposta escrita co fin de pór en coñecemento do Goberno municipal o acontecido co transformar e para se interesar polas medidas que prevía adoptar o Concello para acabar co constante perigo do transformador que, ademais, se atopa nunha zona frecuentada por nenos e nenas.
A 3 de xullo, unha veciña do barrio presentou por rexistro un escrito, avalado polas sinaturas de máis dunha trintena de habitantes de Palavea, para que o Goberno municipal emprazase a Fenosa a arranxar de inmediato o transformador. Precisamente, a mañá do 3 de xullo Carril ía manter unha reunión na oficina adscrita ao Grupo Municipal do BNG coa representante das persoas afectadas e, curiosamente, a policía local non permitiu o acceso desta persoa ao palacio municipal, nin sequera acompañada do propio Carril, escudándose en que tiña o documento de identidade caducado. De feito, a reunión acabou tendo lugar nos soportais de María Pita.
Carril denunciou que un mes despois do desprendemento da cornixa e do chispazo que provocou o apagón todo segue igual. Mesmo os cascallos desprendidos da cornixa seguen no mesmo lugar en que caeron. Ademais, as fendas no transformador e as chispas son frecuentes os días de chuvia. Malia o estado do transformador e o evidente perigo, o nacionalista denunciou que o Goberno municipal nin sequera contestou o escrito dos veciños e veciñas. O portavoz do BNG insistiu en reclamarlle premura ao Goberno municipal para que se poña en contacto con Fenosa e lle esixa que lle poña fin a un problema que conleva riscos para a vida das persoas que viven en Palavea.
Un barrio incomunicado, sen rexistro municipal auxiliar e sen servizo de Correos
Ademais de ver in situ o estado lamentábel do transformador, Carril escoitou as demandas da veciñanza dun barrio que se atopa desconectado do resto da cidade, até o punto de carecer dun rexistro auxiliar e de ter pechada a oficina de Correos. Advertiu o portavoz do BNG da escaseza de liñas de autobús con conexión a Palavea e das molestias que lle provoca aos veciños e veciñas ter que acudir a María Pita ou a oficina de Correos dos Castros a realizar calquera trámite.