Bravo denuncia un recorte de case o 50% nas partidas destinadas á integración do pobo xitano
A Coruña, 17 de xullo de 2013.- A concelleira nacionalista María Xosé Bravo advirte dun recorte de case o 50% nas partidas destinadas á integración da comunidade xitana. E é que mentres o Goberno municipal destinou 772.000 euros no 2012 para o plan de erradicación da infravivenda, para axudas para a adquisición de vivendas e para o programa de busca de emprego Acceder, no 2013 reduciu a cantidade a 402.500 euros.
Así, a concelleira do BNG insiste en que a erradicación do chabolismo na Pasaxe non é unha cuestión nin urbanística nin policial, senón de Servizos Sociais, que debe tratar, de forma global e colectiva, a integración do pobo xitano coas organizacións que traballan neste ámbito, como Arquitectos Sen Fronteiras.