O BNG valora o cambio de criterio de Negreira, que rexeitara a retirada de honores a Méndez
A Coruña, 30 de xaneiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que os mesmos argumentos que hai agora para lle retirar o título de fillo predilecto a José Luís Méndez son os mesmos que levaron as nacionalistas a presentar unha moción no Pleno municipal de xullo que o propio Sr. Negreira rexeitou. O Grupo Municipal do BNG xa denunciaba na moción, que o PP nin permitiu debater, que Méndez comercializara preferentes, que colocara os seus fillos nos máis altos postos de dirección da caixa e que cobrara 16,5 millóns de euros en indemnizacións. Na propia iniciativa, as nacionalistas daban máis mostras da nefasta xestión de Méndez á fronte de Caixa Galicia.
A retirada do título de fillo predilecto e a devolución íntegra dos aforros das persoas afectadas é o que sempre demandou o BNG e ao que sempre se opuxo o PP. Así, o Grupo Municipal do BNG valora positivamente o cambio de actitude do Sr. Negreira, quen, ademais de non permitir o debate da moción das nacionalistas, cualificara, días despois, de accesorio o debate sobre a retirada do título.
Nesta liña, as nacionalistas emprazan o alcalde a esixir en todas as institucións en que goberna o partido do que é presidente provincial a devolución do 100% dos cartos ás persoas afectadas pola fraude das preferentes e lembran que está na man da Alcaldía iniciar os trámites para incoar o expediente para a revogación da distinción de fillo predilecto da Coruña a Méndez. No seu día, o BNG sinalara que temos información suficiente da xestión que tivo á fronte de Caixa Galicia e as súas consecuencias ruinosas, polo que mantelo como fillo predilecto da cidade só daría unha mala imaxe da Coruña.