Carril: "Antes de reclamar, os promotores teñen que pasar por caixa e devolver o que corresponde"
A Coruña, 11 de xaneiro de 2012.- En resposta ás preguntas dos medios, o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, sinalou que "a Xunta de Compensación e o Sr. Fontenla denuncian o incumprimento dun convenio que eles mesmos incumpriron en moitas das súas cláusulas, sinaladamente as relativas á edificación no prazo marcado". Precisamente, nese convenio estabelecíanse na súa estipulación sexta os prazos para o desenvolvemento das actuacións procedentes, que os promotores deste sector incumpriron, concretamente o prazo de execución das obras de urbanización.
"Non hai que esquecer que se trata dunha reclamación de incumprimento dun convenio (de 27 de abril de 1998, asinado entre Salvador Moreda e Fontenla) que deu lugar á reclasificación dos terreos de Someso, no PXOM de 1998, feito determinante do dereito de reversión dos propietarios de Someso", apuntou. E esta reclasificación urbanística dos terreos aprobada no PXOM de 1998 e desenvolta no Plan Parcial de Someso, que contaron co voto en contra do BNG, determinou o cambio de uso e destino urbanístico e deu lugar a recoñecer o dereito de reversión dos propietarios e o posterior pago da indemnización substitutoria. Así o sinalan as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (entre outras, a de 7 de abril de 2008, que, logo de afirmar que os terreos foron expropiados para a realización dunhas obras moi concretas, sinala que as «obras proyectadas que no llegaron a hacerse en las mismas, al acabar incluyéndose esos terrenos en el Proyecto de Compensación del Sector 7 del Recinto Ferial, según se acredita con la correspondiente ficha del PGOM de A Coruña, que establecía para ellos el uso global residencial»).
"Chama a atención que propios promotores grandes beneficiarios de toda a desfeita de Someso sexan agora os que reclamen", puxo de manifesto. "Se queren reclamar que o fagan, pero que antes pasen por caixa para devolver o que non lles corresponde e cumprir co que incumpriron", concluíu.