PREGUNTA ORAL DE AVIA VEIRA NA SESIÓN PLENARIA DESTE XOVES 3D
Cando pensa o Goberno Local levar a Pleno o Ordenanza do Galego?
En marzo pasado, en sesión plenaria, o BNG xa se interesou por esta cuestión, sen que desde aquela altura se teña producido ningún avance. É por isto que a concelleira Avia Veira volve levar o asunto ao Pleno, nesta ocasión o do vindeiro xoves 3 de decembro, a través dunha pregunta oral ao Executivo coruñés.
“Na Coruña queremos galego e porque queremos galego ímoslle preguntar ao Goberno Municipal cando vai traer a Pleno a Ordenanza sobre o noso idioma”, afirma Avia Veira, para quen esta norma “é moi necesaria” e, alén de máis, “pode sacarse adiante perfectamente como no seu momento se sacou adiante na Deputación da Coruña, institución en que se aprobou por unanimidade durante o mandato 2015-2019”.
O BNG coida que se precisan ferramentas útiles para frear a “preocupante perda de falantes da nosa lingua”, remarca Avia Veira. “Perdemos falantes e batemos cunha total ausencia de garantías para desenvolvermos plenamente as nosas vidas en galego, tamén na Administración local”.
“O Concello ten a obriga legal, mais tamén a obriga moral, de impulsar o uso do galego”, salienta a concelleira nacionalista, “por ser a lingua propia da Galiza”.
Non hai ningunha razón para que o asunto se eternice, nomeadamente porque, revela Veira, “sabemos que hai un texto perfectamente listo para ser levado a Pleno en calquera momento”. Fai falta só vontade política para o facer. “Xa llo pedimos ao grupo de goberno en marzo e ímosllo volver pedir neste próximo Pleno. É de xustiza e é tamén un dos compromisos que contraeron connosco en xuño de 2019”, conclúe.