A cabalgata de reis do Sr. Negreira custará o duplo que en anos anteriores
A Coruña, 25 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG critica o dispendio do Goberno do Sr. Negreira na cabalgata de reis, que lle custará á cidadanía dúas veces máis que en anos anteriores. Así, mentres no 2009, no 2010 e no 2011 o importe de licitación da cabalgata foi de 35.000 euros, coa chegada do PP ao Goberno de María Pita duplicouse, practicamente, o importe de licitación, até os 63.000 euros o pasado ano e no presente exercicio até os 65.000 euros, tal e como pode comprobarse na seguinte táboa.
Os nacionalistas consideran irresponsábel gastar 65.000 euros en sete carrozas tendo en conta a dramática situación económica que vive a maior parte da cidadanía da Coruña, e cando, tal e como se fixo nos anos anteriores ao Goberno do Sr. Negreira, a cabalgata tivo lugar gastando a metade do prezo actual.
O capricho da cabalgata e de Laponia custaralles aos coruñeses e coruñesas 137.479 euros
O Grupo Municipal do BNG lamenta que mentres 22.590 persoas están no paro, mentres hai unha taxa de risco de pobreza que roza o 20% e mentres diminúe a capacidade adquisitiva da cidadanía consecuencia de medidas aplicadas polo PP como a suba do IBI, da IVE, do bus, do IRPF, o medicamentazo, o copago na axuda a domicilio e copago en próteses e ambulancias... o Goberno do Sr. Negreira malgaste en adornos de Nadal. Porén, malia este contexto, o Goberno municipal gastará 137.479 euros nunha cabalgata de sete carrozas e en converter a praza de María Pita en Laponia. Nesta liña, o Grupo Municipal do BNG lembra que, tal e como pode comprobarse no perfil do contratante, o Goberno do Sr. Negreira vai gastar 72.479 euros en instalar un poboado de Papa Noel... un paisaje navideño con aspecto de Laponia, na praza de María Pita, por conta do IMCE.
O Grupo Municipal do BNG pídelle ao Goberno do Sr. Negreira que rectifique as prioridades na súa actuación. E que, con estes novos dispendios, o PP continúa na liña errada do último modificativo de crédito, en que se destinou o 0% á loita contra o paro e só un 4% a políticas sociais, mentres se gastaron 2 millóns nas festas de María Pita, nunha regata de veleiros de 3 días en un partido amigábel de baloncesto. Por último, os nacionalistas apuntan que non estamos dicindo que non haxa cabalgata de reis, indicamos que hai que optimizar os cartos públicos e que a cabalgata podería facerse con menos cartos.