Bravo urxe o Goberno municipal a poñer ao día o pago das axudas municipais ao aluguer
A Coruña, 16 de marzo de 2013.- A concelleira nacionalista María Xosé Bravo urxe o Goberno municipal a poñer ao día o pagamento das axudas ao aluguer destinadas ás persoas con menos recursos. Non se pode xustificar baixo o pretexto da burocracia que estas persoas, en risco de exclusión social, leven tren meses sen cobrar as axudas do aluguer, sinala Bravo, quen esixe a máxima premura nos trámites. A paralización da administración contrasta coa celeridade da lexislación, que permite desafiuzar as persoas alugadas ao segundo mes que non aboen o alugueiro, engade.
Bravo, que advirte de que o Goberno municipal debería ter previsto algunha medida para subsanar estes atrasos, lembra que o Concello da Coruña ten a súa disposición axudas para emerxencia social que son automáticas e que deberían poder destinarse a cubrir casos coma este, en que a parálise da administración pon en dificultades as persoas máis desfavorecidas. A concelleira do BNG insiste en que é necesario que o Goberno municipal adopte, de inmediato, unha solución para as beneficiarias desta axuda. Salienta que a meirande parte apenas pode sobrevivir cunha renda de integración social da Xunta de Galiza de 399 euros.