Bravo pídelle ao Goberno local que garanta a seguridade no Colexio de Prácticas
A Coruña, 7 de setembro de 2012.- A concelleira do BNG, María Xosé Bravo, faise eco da preocupación dos pais e nais do alumnado do colexio de Prácticas, en Riazor, que denunciaron grandes fendas na estrutura do edificio. "Esiximos que se garanta a seguridade do estudantado e dos traballadores e traballadoras que alí traballan antes do inicio do curso escolar", sinala.
Bravo, que apremia a Concellaría de Educación a solventar as deficiencias do edificio, denuncia o escaso interese do Concello e da Xunta de Galiza respecto das advertencias dos pais e nais, que xa comunicaran a existencia dos desperfectos antes de que rematase o curso.
A edil do BNG lembra que, segundo os datos oficiais da liquidación do orzamento de 2011, o Goberno do Sr. Negreira deixou sen gastar 749.290 euros da partida para acometer melloras en colexios. Pídelle ao Goberno local que amañe estas obras e que, en caso de ser de gran calado, llo esixa á Xunta de Galiza. "O principal é garantir a seguridade do alumnado e da comunidade educativa deste colexio", conclúe.