O BNG critica que o Sr. Negreira modifique o orzamento para pagar as festas e non para crear emprego
A Coruña, 6 de setembro de 2012.- A concelleira nacionalista Ermitas Valencia votou en contra da aprobación definitiva do modificativo de crédito na Comisión de Facenda que tivo lugar esta mañá. O principal motivo do voto en contra do BNG foron as prioridades do Goberno do Sr. Negreira: que son as festas e a regata de grandes veleiros e non a promoción de emprego. Valencia critica que o Goberno local non aproveitara a segunda modificación do orzamento deste ano para tratar de facerlle fronte á crise. "Perdemos unha nova oportunidade de impulsar a creación de postos de traballo con este modificativo de 3,9 millóns, dos que 500.000 euros son destinados a pagar as festas e 262.000 euros, a tres días dunha regata que nos valeu máis de 500.000 euros", sinala.
Valencia lembra que xa no primeiro modificativo do orzamento de 2012, o Goberno local restou 120.000 euros do Plan de dinamización do comercio para destinalos ás festas, "porque as festas, e non o comercio, nin a creación de postos de traballo, son a prioridade do Sr. Negreira", apunta. "O emprego non é a prioridade do alcalde cando deixou sen executar un terzo do orzamento de 2011 destinado á promoción do emprego", engade. Ademais, denuncia que "estes dous suplementos das partidas destinadas a festas (120.000 euros no primeiro modificativo e outros 500.000 euros no segundo) demostran que o Goberno local non as tiña orzadas", denuncia.
Desestimadas as alegacións do BNG ao modificativo de crédito
As alegacións presentadas polo BNG ao modificativo de crédito, encamiñadas a impulsar a creación de postos de traballo, foron rexeitadas polo Goberno local. Nas reclamacións, os nacionalistas pedían anular o suplemento de crédito de medio millón de euros para festas e o suplemento dos 262.000 euros para a Tall Ships Races, na que o PP gastou un total de 500.000 euros de toda a cidadanía, cando puido ter gastado menos da metade se eliminase os dispendios en ceas, decoración e propaganda.
O Grupo Municipal do BNG propuxo destinar os 762.000 euros a programas de fomento do emprego. "Con máis de 22.000 persoas que sofren na Coruña o drama do paro, no BNG consideramos que é máis necesario dotar de 762.000 euros as partidas relacionadas co emprego que dilapidar estes cartos en festas", apunta Valencia.
Ineficacia na xestión
Valencia salienta que este segundo modificativo do orzamento de 2012 evidencia a ineficaz xestión do Goberno do Sr. Negreira. Cita como exemplo o recorte de 200.000 euros en obras para destinalos a mercar tarxetas Millenium ou os 200.000 euros restados á cuberta dos parques infantís para destinalos ás obras do mercado de Santo Agostiño que, nun principio e segundo o Goberno local, ían ser financiadas pola Xunta de Galiza.
Por último, Valencia critica que parte dos 130.000 euros que o Goberno do Sr. Negreira aumenta en emerxencia social sexan restados ao programa de erradicación do chabolismo e ao plan de persoas con discapacidade.