O BNG quere saber os motivos polos que o Goberno lle pagou 318.975 á promotora Coprosal
A Coruña, 24 de marzo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG quere coñecer os motivos que levaron o Goberno do Sr. Negreira a lle pagar 318.975 euros á promotora Coprosal por unha hipotética responsabilidade patrimonial do Concello, en relación á paralización das obras de reconstrución dun edificio na praza Almirante Romay e a perda de aproveitamento urbanístico como consecuencia da aparición dunha rede de saneamento nunha parte dos terreos que foran. É por iso que as nacionalistas xa solicitaron acceso ao expediente de responsabilidade patrimonial.
O Grupo Municipal do BNG advirte de que o Concello da Coruña non tiña que pagarlle nada a esta promotora pola paralización destas obras, tal e como lle transmitiu o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, ao alcalde en varias ocasións. Unha das documentacións remitidas ao Goberno municipal por parte do BNG acredita que Coprosal non era propietaria da totalidade dos terreos e mesmo dispuxo ilegalmente da posesión destes, cando non podía facelo respecto dunha superficie de 22,67m2, unha superficie pequena, mais fundamental, xa que se sitúa en parte da fachada e é edificábel.
Unha vez comezadas as obras, un particular presentou un preito civil co fin de recuperar a posesión dos terreos. Tal e como solicitaba a promotora, o Concello autorizou a suspensión do cómputo dos prazos das licenzas como consecuencia deste preito, e non pola aparición dunha rede de saneamento. O preito rematou coa estimación da demanda deste veciño e obrigóuselle á promotora a repoñer o demolido e a devolver a posesión dos terreos á persoa denunciante.
Así, a licenza de obras outorgada polo Concello non puido executarse, mais non pola aparición da rede de saneamento, senón pola indebida posesión duns terreos que foron ilegalmente ocupados por parte da promotora; é dicir, non hai responsabilidade patrimonial por parte do Concello. De aí que as nacionalistas queiran coñecer os motivos polos que o Goberno municipal, que tiña coñecemento destes feitos, fixo efectivo o pago de tal cantidade e, ademais, ás agachadas. O Grupo Municipal do BNG soubo que o Goberno municipal lle pagou os 318.975 euros á promotora ao consultar o expediente da concesión dunha licenza a Coprosal, concesión que foi aprobada na Xunta de Goberno Local do pasado venres.