Bravo denuncia irregularidades na adxudicación a Eulen do servizo de bibliotecas
A Coruña, 21 de novembro de 2012.- Unha vez máis, o Grupo Municipal do BNG informa de irregularidades en procesos de adxudicacións por parte do Goberno do Sr. Negreira. Nesta ocasión, a chapuza ten a ver coa adxudicación definitiva dos servizos bibliotecarios complementarios á empresa Eulen, e isto, malia que a empresa que os levaba até o de agora presentou un recurso. A concelleira María Xosé Bravo denuncia que existen dous informes diferentes para a valoración das ofertas económicas (un con data do 01.08.2012 e outro de 21.08.2012), que se cometeron erros de cálculo nun dos informes e que se cambiaron criterios para a adxudicación no segundo informe. O resultado: unha chapuzada, salienta.
A anterior concesionaria, unha empresa da Coruña, presentou un recurso contra a decisión de darlle o servizo a Eulen
Bravo pon de manifesto que a empresa LTM servizos bibliotecarios, empresa coruñesa especializada no sector, presentou un recurso contra a adxudicación a Eulen pola infravaloración do proxecto técnico da propia LTM e pola sobrevaloración do proxecto técnico doutros licitadores, é dicir, pola arbitrariedade do proxecto técnico; pola cualificación inapropiada da persoa informante da valoración do proxecto técnico e, entre outras cuestións, pola imposibilidade de determinadas empresas de resultar adxudicatarias do contrato por falta de adecuación do seu obxecto social ás prestacións do contrato.
No informe xefa de servizo de Cultura, ao que tivo acceso Bravo, sobre o recurso presentado por LTM admítense as contradicións entre ambos os informes... do exame conxunto dos informes presentados obsérvase a existencia de importantes contradicións entre os mesmos, ademais de dar conta dos erros de cálculo, aínda que se di que son irrelevantes para o resultado final da licitación. De aí que for desestimado o recurso e que Eulen ficara como adxudicataria definitiva.
Os criterios suxectivos déronlle a Eulen o servizo de bibliotecas, en detrimento dunha pequena empresa coruñesa especializada no sector
Neste contexto, a concelleira do BNG critica que o Goberno municipal lle dea os servizos complementarios das bibliotecas, que son máis de 10 millóns de euros en catro anos para unha empresa multinacional con máis de 60.000 traballadores e traballadoras, mentres lles quita estes servizos a unha empresa pequena da cidade que, ademais, está especializada nas bibliotecas públicas.
Bravo pon de manifesto que o Goberno do Sr. Negreira valorou moi positivamente o proxecto de Eulen, empresa da que é responsábel en Galiza a irmá de Feijóo e á que os gobernos do PP lle están entregando toda a xestión cultural. Só na cidade da Coruña Eulen conta cos servizos de bibliotecas e mais co teatro Colón. Precisamente, foron os criterios suxectivos os que provocaron que Eulen resultara adxudicataria do contrato.