Bravo denuncia o desprezo do PP ás persoas máis desfavorecidas, que seguen sen cobrar axudas
A Coruña, 27 de marzo de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo denuncia o desprezo do Goberno do Sr. Negreira ás persoas con menos recursos, que tampouco van cobrar este mes de marzo as axudas municipais ao aluguer. E é que hoxe é o último día do mes que abren as entidades financeiras e o Goberno municipal aínda non puxo ao día o pagamento das axudas ao aluguer, que acumulan atrasos desde o mes de xaneiro.
A edila nacionalista non entende como o concelleiro de Servizos Sociais foi quen de comparecer onte ante a prensa para dar conta das bolsas do comedor e non dicir absolutamente nada sobre o atraso inadmisíbel destas prestacións. Sinala Bravo que as persoas beneficiarias desta axuda de 130 euros só teñen como ingreso os 399 euros da Risga. Que nos explique o Sr. Negreira se el pode vivir con 399 euros de Risga sen cobrar a axuda ao aluguer, salienta Bravo, quen alude á falta de humanidade do Partido Popular.
A concelleira do BNG esixe que a posta ao día destas axudas sexa unha prioridade do Goberno municipal. Antes de presentar a web de Coruña Futura ou a web da visita virtual a María Pita, o Sr. Negreira debería estar máis preocupado de pagarlles as axudas ao aluguer ás persoas con menos recursos, conclúe Bravo.