Bravo chama á mobilización da veciñanza do Castrillón contra a suba da auga
A Coruña, 28 de novembro de 2012.- A concelleira nacionalista María Xosé Bravo participo na mesa redonda sobre o aumento do recibo da auga, un acto convocado pola A VV do Castrillón. Na súa intervención, a edila do BNG chamou á mobilización da cidadanía contra o que denominou un espolio. O Goberno do Sr. Negreira quere encarecernos a auga en máis de 50 euros anuais, tratando este ben de primeirísima necesidade como un ben de luxo, expresou Bravo, quen cualificou de socialmente inxustas as ordenanzas fiscais e de prezos públicos aprobadas inicialmente polo PP, co voto en contra do BNG.
Bravo explicou que con esta suba do prezo o Sr. Negreira, a costa de todos e todas nós, increméntalle os beneficios xa de por si millonarios á empresa pública Emalcsa. Sinalou que, con estes cartos, a empresa financia proxectos externos que escapan ao control do resto dos grupos políticos, como é o caso da iniciativa Coruña Futura, cuxos 700.000 euros de custo serán financiados por Emalcsa.
Ademais, a concelleira nacionalista denunciou que a cidadanía xa está a pagar un sobre custo ao prezo real do subministro da auga e isto, malia que a Lei 8/1989, de 13 de abril de taxas e prezos públicos obriga a que as taxas dun servizo municipal, como o da auga, só cubran os custos de explotación do servizo, e non máis.
Bravo comparou a suba da auga, que afectará en maior medida, ao 87% dos e das coruñesas, que son os que teñen o caudal de 1,5 m3/h, coa situación que viven os países empobrecidos e en vías de desenvolvemento, onde se explota a auga como un ben privativo polo que hai que pagar para satisfacer o lucro das empresas explotadoras. A estes e estas consumidoras pasaráselles a cobrar como se tivesen contratado o caudal de 2,5 m3/h sen que cheguen a ter nunca este caudal, dadas as imposibilidades técnicas da tubaxe e da canalización.
O Goberno do Sr. Negreira duplicará o custo do servizo de sumidoiro e aumentará nun 460% o custo do servizo de depuración
A concelleira do BNG debullou a variación das facturas coa suba dos impostos e denunciou a nova taxa de 12 euros por novas altas no servizo. Tamén deu conta do encarecemento do subministro da auga que sufrirán os concellos limítrofes, que pagarán un 1,5% máis pola auga, e expúxolle á cidadanía que o Goberno do Sr. Negreira duplicará o custo do servizo de sumidoiro e aumentará nun 460% o custo do servizo de depuración.
Son uns aumentos inasumíbeis en tempos de crise cando, ademais, está probado que a cidadanía paga un sobre custo sobre o prezo real do servizo, sinalou. Neste contexto, Bravo salientou que aínda hai alternativa e animou a veciñanza a presentar alegacións contra estes inxustos impostos e taxas públicas.
A concelleira nacionalista rematou a súa intervención explicando que o BNG está a convocar asembleas abertas en todos os barrios da cidade co fin de explicarlle o saqueo da auga á cidadanía. A campaña do BNG xa recalou, con moi boa acollida, no Birloque, San Pedro de Visma, Eirís, Novo Mesoiro, Os Rosais, A Agra do Orzán, Feáns e Mesoiro. Precisamente, esta mesma tarde terán lugar senllas asembleas abertas en Labañou e mais en San Vicenzo de Elviña, lugares onde os nacionalistas recollerán alegacións.