Bravo sobre as actividades extraescolares: "o PP só acerta cando rectifica"
A Coruña, 16 de novembro de 2012.- "O PP só acerta cando rectifica". Así resumía a concelleira do BNG María Xosé Bravo a volta atrás do Goberno municipal no modelo de xestión das actividades extraescolares. E é que, despois de que o ano anterior os pais e nais presentaran máis de mil alegacións contra os orzamentos, precisamente, polo cambio de organización nas actividades extraescolares, as contas de 2013 volven contemplar o sistema do Goberno anterior: será a Federación de ANPAS quen xestionará as actividades extraescolares das escolas infantís e dos CEIP con 330.000 euros. Bravo celebrou esta rectificación do Goberno municipal, que motivou un bo número de iniciativas por parte do Grupo Municipal do BNG.
A continuación, a concelleira do BNG puxo de manifesto que máis da metade das persoas (55%) que solicitaron praza nas escolas infantís non a conseguiron e, malia isto, denunciou que o Goberno municipal suprimiu a escola infantil orzada xa no 2011 para Pedralonga. Criticou que nestes dous anos, o Sr. Negreira non fixo ningunha acción efectiva para diminuír o número de persoas que non lograron praza nas escolas infantís. Explicou Bravo que os orzamentos de 2013 recollen 495.843 euros para unha escola, "sería a primeira escola en dous anos, despois de que o Sr. Negreira suprimira a orzada xa en Pedralonga e a do Plan Educa 3, da que nada sabemos".
Tamén aludiu a concelleira nacionalista á partida de reparación en colexio, que no 2011 contaba con 959.751 euros, no 2012, 456.211 e nestes orzamentos 466.500 euros. Porén, expresou as súas dúbidas sobre a execución desta partida, logo de que no orzamento de 2011 ficasen sen executar case 800.000 euros desta partida, segundo os datos da liquidación dos orzamentos. E isto, malia que existen centros que aínda esperan polas obras prometidas. Citou, como exemplo, o caso do CEIP de Prácticas, con desperfectos que puxeron en risco a integridade de alumnado e profesorado.
Ademais, denunciou a redución do orzamento para a Uned, que pasou dos 95.000 euros de 2011, aos 80.000 euros do 2012 e aos 75.000 destes orzamentos. O mesmo aconteceu coa Escola de Música, que sufriu unha merma no seu orzamento, pasando dos 304.357 euros dos orzamentos de 2011 e 2012 aos 274.000 euros de 2013.
Bravo finalizou a explicación sinalando que ningunha destas rebaixas no orzamento axudará a que o ensino público poida desenvolver o seu papel como ferramenta de cohesión social nin poderá corrixir as desigualdades sociais.
O orzamento de Cultura: recortes en bibliotecas e precarización dos museos científicos
Pola outra banda, a concelleira do BNG deu conta dos recortes que sofre o orzamento en materia de Cultura. Comezou denunciando a rebaixa da partida de reunións, conferencias e cursiños nos museos científicos, que sofre unha baixada espectacular, pasando dos 25.000 euros en 2011, 10.000 euros no 2012 e uns ridículos 2.000 euros nestes orzamentos. Na mesma liña, advertiu do recorte en exposicións tamén nos museos científicos, partida que diminuíu dos 154.000 euros de 2011, aos 150.000 do 2012 até os 135.000 dos orzamentos de 2013. Esta partida é a destinada a contratar exposicións externas, películas para a Domus, lentes de 3D, a web, a proxección para Oceanosfera... e sinalou que 135.000 euros son escasos para ese volume de demanda. Bravo afirmou que os recortes que sofren os museos científicos reducirán a capacidade da Coruña para atraer visitantes.
No que respecta ás bibliotecas, a concelleira do BNG denunciou a rebaixa, ao igual que nos orzamentos do ano pasado, da partida destinada a mercar prensa, revistas, libros e outras publicacións, pasando de 134.256 euros no 2011 a 100.000 euros no 2012 e no 2013. Cómpre ter en conta, advertiu, que hai unha nova biblioteca funcionando, o Ágora. Isto significa que todas as bibliotecas disporán de menos fondos para adquirir material de lectura. Ademais, reprobou a diminución que sofren as actividades culturais e deportivas das bibliotecas, unha partida que pasou de ter 92.687 nos orzamentos de 2011 a ter 80.885 no 2012 e 68.841 nestes orzamentos para 2013.
En canto á Fundación Luís Seoane, advertiu dunha rebaixa do 37% respecto dos últimos orzamentos do Goberno anterior. É que mentres no 2011 se dedicaron 362.480 euros, no 2011 contou con 250.000 euros e no 2013 con 230.000. Bravo puxo de manifesto as carencias que sofre o edificio, que está a perder todo o seu atractivo.
Por último, chamou a atención á espectacular suba da partida destinada a "outros traballos realizados por outras empresas", que pasou de 27.838 euros no 2011 a 31.198 euros de 2012 e 113.709 euros. "Sería terríbel en vez de facer cultura coa cidadanía, o Goberno municipal se dedicase a contratar paquetes a empresas doutros lugares para ofrecer unha cultura-espectáculo", apuntou.
Bravo anunciou que o BNG presentará alegacións a estes orzamentos porque nin en ensino en materia de cultura.