Bouza pide o voto a tod@s @s nacionalistas e de esquerdas
A Coruña, 11 de outubro de 2012.- Monte Alto foi o barrio da cidade que acolleu hoxe un novo mitin do BNG no que interviñeron, precisamente, veciños do barrio: os candidatos Ana Luísa Bouza e Suso Bermello e o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril.
O portavoz nacionalista explicou no mitin que claro que podemos saír da crise. Podemos facelo se, como galegos e galegas, tomamos nós mesmos as rendas da nosa vida, o que implicará máis democracia e capacidade para crear emprego, sinalou. Na mesma liña, puxo de manifesto que temos que ser nós, os galegos e as galegas e non os mercados nin Bruxelas, quen decidamos como se teñen que explotar os nosos recursos.
Carril salientou que é posíbel unha política radicalmente distinta a do PP, para gañarlle a batalla á crise e ao paro e esa política radicalmente distinta é a que representa o BNG, cun programa de goberno absolutamente alternativa, cun magnífico candidato á Presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, e, sobre todo, cun proxecto de país aberto á participación social e aos movementos sociais. E concluíu o portavoz nacionalista pedíndolles aos seus veciños e veciñas de Monte Alto o voto para o BNG.
Feijóo non cre no autogoberno, só pensa en Madrid
Na mesma liña que Carril, a candidata número tres pola Coruña, Ana Luísa Bouza, apelou a avanzarmos cara á soberanía social e sinalou que onte mesmo, no debate con Jorquera, Feijóo demostrou que non cre no autogoberno nin o defende, Feijóo demostrou que non pensa en Galiza, Feijóo só pensa en Madrid e cualificouno como o delegado de Rajoy en Galiza.
Ademais, a nacionalista fixo alusión ás mentiras do candidato do PP á Presidencia da Xunta. Feijóo mentiu gravemente cando afirmou que non existe ningún informe do Consello de Contas sobre o desvío irregular de 411 millóns de euros de 2010 a 2010, mentiu cando dixo que o concurso eólico era ilegal, mentiu cando lles prometeu aos traballadores do naval o dique flotante e mentiu cando dixo que ía acabar co paro en 45 días, denunciou. Neste contexto, sinalou que Feijóo é indigno, non merece unha segunda oportunidade.
Bouza puxo de manifesto que a única forma de derrotar a Feijóo é concentrar o voto nacionalista e de esquerdas no BNG. A candidata advertindo de que somos máis as persoas que queremos un cambio na Galiza que poña fin ao peor goberno da historia deste país que as persoas que queren que Feijóo continúe a levarnos cara o desastre.
O BNG ten un proxecto chamado traballo, democracia e soberanía e cada día que pasa se ve máis claro que a derrota do PP é posíbel, crece a desafección da cidadanía co PP na mesma medida que medra a simpatía cara ao BNG, por iso vos pido o voto, porque en bloque podemos, porque merecemos gobernar nós a nosa terra, concluíu.