O BNG xa advertira de que a reforma laboral destruiría emprego e precarizaría os postos de traballo
A Coruña, 25 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG xa advertira de que a reforma aplaudida polo alcalde da Coruña non ía crear emprego, senón que ía destruílo. Precisamente, o Ministerio de Emprego vén de facer públicos, no Boletín de Estatísticas Laborais, os últimos datos sobre a regulación de emprego e confirma que o número de persoas afectadas por ERE duplicouse con respecto ano pasado na provincia da Coruña. Así, mentres o ano pasado, de xaneiro a agosto foran 3.818 as persoas afectadas por expedientes autorizados ou comunicados, de xaneiro a agosto deste ano xa van 6.744.
Ademais, estes datos revelan que na provincia hai afectados por expedientes de extinción un total de 1.056 traballadores e traballadoras, mentres o ano pasado, a estas alturas, o número de persoas con expediente de extinción era de 758, ERE, apuntan os nacionalistas, asinados polo número 1 do PP pola Coruña, a Sra. Mato, que demostra ser, unha vez máis, a campioa do paro. Lembran os nacionalistas os ERE padecidos na comarca só no último ano en empresas como Mafecco, Emesa Trefilería, Emesa, Alcoa ou Industrias Caamaño.
Estes datos do Ministerio de Traballo demostran o que viña alertando o BNG: a reforma laboral do PP é profundamente agresiva contra os traballadores e traballadoras e foi elaborada ao ditado e á medida dos intereses da patronal. O Grupo Municipal do BNG lamenta a obediencia cega do PP, incluído o Sr. Negreira, que celebrou esta reforma laboral, ás teses máis regresivas e anti-laborais da UE, unhas medidas que só supoñen máis paro aos e ás traballadoras e máis beneficios á patronal.
Os nacionalistas salientan que ningunha das reformas laborais realizadas recentemente, tanto do PSOE como do PP, serviron para crear emprego. Ademais de destruír postos de traballo, estas reformas só contribuíron a precarizar o emprego existente e a abaratar o despido.