O BNG vota contra un orzamento do IMCE nada críbel e que non significa un cambio de rumbo na xestión
A xuízo da concelleira nacionalista Mercedes Queixas, o proxecto non é críbel e tampouco hai nel elementos que signifiquen a rectificación do “funcionamento irregular” do IMCE.
“En 2024, debido a unha xestión desastrosa, o Concello tivo que ir a un recoñecemento extraxudicial de crédito por facturas pendentes de pagamento de 2023. Todo indica que en 2025 se vai repetir a historia”, critica Queixas.
O proxecto tampouco pode contar co apoio do BNG por conter previsións “pouco críbeis” e por “non ter sido previamente dialogado connosco”, remarca.
Alén diso, do contido do proxecto dedúcese que tampouco hai unha mudanza nas prioridades do Goberno Local. “Continúan a aumentar as partidas para as festas en detrimento do coidado da cultura de base, da cultura producida polo talento local”, censura.
Tampouco, esténdese, se atenden as “necesidades das infraestruturas culturais nin se prevé actualizar concesións que seguen caducadas, como a de servizos complementarios”.
“Está claro que cidade creativa de Luís Seoane, Luísa Villalta ou de Urbano Lugrís, e de todo o tecido de base, non fai parte das prioridades deste Goberno Local”, conclúe.