O BNG vota a favor da aprobación definitiva dos orzamentos, coas alegacións dos sindicatos incorporadas
Votaron a prol, alén do BNG, o PSdeG, a Marea Atlántica e Ciudadanos e en contra o Partido Popular.
Na súa intervención, o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, cualificou de “bons” os orzamentos do Concello para 2020. “Son expansivos e apostan claramente polo investimento co propósito de dinamizar a economía e xerar emprego”, dixo, alén de salientar que rexistran un “crecemento importante do gasto social” e de confirmar que supoñen “un reforzo dos servizos municipais”, “unha aposta decidida polas políticas de vivenda e pola rexeneración urbana”, ben como “un compromiso coa sustentabilidade, a loita contra o cambio climático, o avanzo cara outro modelo de mobilidade e coa lingua e a cultura galega”.
Canto ás alegacións, o portavoz nacionalista explicou que a maior parte das 83 que foron desestimadas ficaron desbotadas non polo seu contido, senón por non se axustaren aos requerimentos da normativa legal para seren consideradas formalmente como tales.
De feito Jorquera remarcou que “estamos de acordo con moitas delas e terémolas moi presentes na nosa acción política e na negociación de futuros orzamentos”. Así, citou as propostas feitas polas AA VV de Oza-Gaiteira-Os Castros, a Uxío Carré de Eirís, a da Enseada do Orzán ou a da Falperra, ben como tamén as formuladas a título individual por veciñas e veciños de Bens, A Moura, A Silva, A Agrela, O Ventorrillo, A Agramela, Penamoa ou Eirís, ou as que foron achegadas por entidades deportivas, culturais como a Fundación Rogelio Groba ou sociais como o Comité Anti-Sida da Coruña ou Grumico.
"O PP non presenta emendas. Presenta emendas fóra de prazo"
Detívose especialmente Jorquera á hora de avaliar as alegacións formuladas polo grupo municipal do PP. “O PP non presenta alegacións. Presenta emendas fóra de prazo”, denunciou. “Tivo oportunidade de presentar emendas no seu momento e non as presentou e agora pretende colalas como se fosen alegacións”, engadiu.
Aínda por riba as “emendas” do PP suporían incrementar os gastos en algo máis de 15 millóns de euros, sen precisar de onde se tirarían os recursos para os financiar. “Non deixa de ser curioso, vindo dun partido abonado á demagoxia fiscal. Un partido que propón rebaixas xeralizadas de impostos e pon o berro no ceo se se produce algún incremento. Sería bon que nos aclarasen como van facer vostedes para atopar a cuadratura do círculo”, ironizou.
As alegacións dos sindicatos
Si que foron estimadas as 3 alegacións presentadas polos sindicatos, “e nós humildemente contribuímos a que se tomasen en conta”, precisou Jorquera na súa intervención perante o Pleno.
“Parécenos moi positivo que se estimen as alegacións presentadas polos sindicatos para dar cumprimento a algún dos compromisos adquiridos no acordo marco”, estendeuse o portavoz nacionalista. “En particular”, engadiu, “no que atinxe ao número de prazas a convocar por promoción interna do grupo C2 ao grupo C1”.
“Parécenos moi positivo que se estimen as alegacións presentadas polos sindicatos para dar cumprimento a algún dos compromisos adquiridos no acordo marco”
Porén, remarcou Jorquera que, a pesar de que a aceptación destas alegacións é “un paso positivo”, fica aínda por diante desterrar o recurso sistemático á comisión de servizos para “prover postos de libre designación e mesmo para cubrir postos de traballo que fan parte dos concursos de promoción”.
Coa incorporación destas tres alegacións estimadas ao ditame de orzamentos, estes foron submetidos a votación e aprobados definitivamente polo Pleno da Corporación. “Culmina así a tramitación dos orzamentos. Que teñamos uns novos orzamentos, de por si, é unha boa noticia. A Coruña non se podía permitir o luxo de seguir funcionando cunhas contas prorrogados. Pero, ademais, como xa dixemos, estes son uns bons orzamentos”, considerou Jorquera.
Deixou para a coda do seu discurso dúas reflexións finais. A primeira, que unha vez que se aproban os orzamentos “queda o máis importante”, isto é, que se cumpran, “para que así sexa, como sempre, seremos vixiantes e esixentes”. A segunda, que non sexan unha excepción neste mandato e o acordo orzamentario teña continuidade nos próximos exercicios. “A Coruña non se pode volver permitir o luxo de ter orzamentos prorrogados”, concluíu o portavoz nacionalista.