O BNG estuda levar á Xunta Electoral o vídeo do Goberno Galego sobre a Estación Intermodal

Intermodal
Unha imaxe do vídeo

O BNG vai estudar levar ante a Xunta Electoral o vídeo que o Goberno galego difundiu hoxe sobre a futura Estación Intermodal da Coruña. 

O BNG estuda levar á Xunta Electoral o vídeo do Goberno Galego sobre a Estación Intermodal

Así o anunciou esta tarde o portavoz do Bloque en María Pita, Francisco Jorquera. "A Xunta de Feixóo está a utilizar recursos públicos, recursos de todas as galegas e galegos, para lle facer a campaña ao PP. Faino, ademais, cando xa están convocadas as eleccións. É por iso que imos estudar levar esta campaña institucional perante a Xunta Electoral", dixo o portavoz nacionalista.

"A Xunta, aínda gobernada polo PP, substitúe sistematicamente a realidade pola propaganda", avalía Jorquera. "A falta de compromisos reais coa cidade e coa comarca  tenta agora paliala presentando maquetas da estación intermodal da Coruña, cando neste proxecto á Xunta só lle compete a construción da estación de autobuses e cando, após múltiples retrasos, a dotación prevista nos orzamentos da Xunta para 2020 para esta obra é raquítica", alega. 

A mesma estratexia propagandística empregouna a Xunta de Feixóo co proxecto de ampliación do CHUAC. "Aí tamén presentou unha maqueta, unha cortina de fume sen financiamento e sen calendario de execución para tapar a realidade dos recortes en servizos básicos como a atención primaria, a realidade do desmantelamento de camas nos hospitais durante as ferias de verán ou a supresión de prazas de Xinecoloxía nos Centros de Orientación Familiar", engadiu.

O BNG estuda levar á Xunta Electoral o vídeo do Goberno Galego sobre a Estación Intermodal