O BNG ve ridículos os 12.000 euros do Goberno local para igualdade
A Coruña, 23 de setembro de 2012.- A concelleira do BNG Ermitas Valencia denuncia a incapacidade e a falta de proxecto do Goberno do Sr. Negre¡ra en materia de muller e de inmigración na Agra do Orzán. Critica que, correndo e ás présas, en só tres meses o PP trate de remendar o que non fixo en todo o ano. Valencia refírese así ás convocatorias aprobadas en Xunta de Goberno Local este venres, unha para a que se destina a ridícula cantidade de 12.365,10 euros para actuacións que promovan a incorporación da muller ao eido laboral e outra para a que destina 54.071,87 euros para actuacións de información e asesoramento para a poboación inmigrante. En ambos os casos, a temporalización fica reducida a menos de tres meses, xa que o tempo para implantar ambos os programas remata este 2012.
Valencia xa criticara a reprogramación do Urbana C por suprimir as subvencións a fondo perdido para comercios, hostalaría e talleres de automoción e por eliminar o viveiro de empresas previsto (cando o viveiro do Igrexario está desbordado). Ademais, no que ten a ver co programa de Fomento da integración social e igualdade de oportunidades, a nacionalista denuncia que o Goberno local suprimiu a Casa da Muller e xustificou case 2.163.665 euros en gasto corrente para repartir en áreas que quedaron mal dotadas nos orzamentos municipais.
É o caso dos 217.000 euros para o plan de atención aos inmigrantes (o que custa manter o servizo do UAMI, de información e asesoramento), dos 217.000 euros para dinamización social e cultural (wifi no Ágora, recitais, cinema...) ou os 188.000 euros do Plan de Emprego e participación das mulleres, que o PP fixera desparecer dos orzamentos municipais. Chaman a atención os 661.000 euros que se gastarán na escola infantil, unha cantidade baixa se a comparamos co arredor de un millón de euros que custou construír as últimas escolas infantís.
Agasallo de 1 millón para Cáritas
Valencia rexeita o agasallo do Goberno local a Cáritas, ao levar o centro de día e o centro social, cuxa construción estaba prevista no Urban C, ao centro Boandanza de Cáritas, que actualmente xa acolle un centro de día. O Concello vai gastar perto de un millón de euros (967.000 euros) en rehabilitar este edificio de propiedade privada sen que aumente o número de prazas. Ademais, critica a xestión do centro de día será privada e non pública.
Charla-coloquio coa veciñanza da Agra do Orzán
A reprogramación do Urban C centrará boa parte da intervención da concelleira Ermitas Valencia na charla-coloquio que organiza mañá o BNG na Agra da Orzán. Os nacionalistas, da man da propia Valencia e mais da candidata número 2 pola Coruña, Ana Pontón, e do portavoz nacional, Guillerme Vázquez, exporanlles aos e ás habitantes da Agra do Orzán os eixos centrais do programa co que o BNG concorre ás eleccións do 21 de outubro.
O acto, aberto á participación de toda a cidadanía, terá lugar a partir das 19 horas na confluencia da rúa Corcubión coa rúa Barcelona.