O BNG chama a cidadanía a subirse ao tren

O BNG chama a cidadanía a subirse ao tren

A Coruña, 21 de setembro de 2012.- O BNG celebra mañá, sábado, o acto central da campaña reivindicativa en defensa dos camiños de ferro. Os nacionalistas, que continuarán a recollida de sinaturas contra a privatización do ferrocarril e para a mellora do servizo na comarca, anima a cidadanía a subirse ao tren que sae da Coruña ás 17.30h, pasando polo Campus de Elviña, O Burgo, Cambre e Betanzos Infesta até chegar, ás 18.05, a Betanzos-Cidade, onde confluirán cos compañeiros e compañeiras chegadas de Ferrol.

 

No Cantón de Claudino Pita terá lugar o acto reivindicativo, coas intervencións do candidato do BNG á Presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, e do tamén membro da candidatura e portavoz municipal en Betanzos, Henrique del Río. Unha vez rematado o acto, en que non faltará a música, os e as participantes visitarán o Museo das Mariñas. Regresarán á Coruña no tren que sae de Betanzos ás 21.04.

 

O BNG reclama nesta campaña que se paralice a privatización do sistema ferroviario e que se poña en funcionamento un tren de proximidade entre A Coruña-Ferrol e as vilas da comarca, aproveitando o paso das vías polos polígonos industriais, polo Campus de Elviña e polo porto até o centro da cidade. Ademais, os nacionalistas solicitan abaratar as tarifas, mellorar o material rodante e as infraestruturas (como o traspase en Betanzos), co fin de reducir o tempo de viaxe entre A Coruña e Ferrol, e transferir as competencias en materia ferroviaria A Galiza, co financiamento e os medios axeitados, para creación dunha Compañía Ferroviaria Pública Galega.

 

 

 

O BNG chama a cidadanía a subirse ao tren