O BNG chama a participar na concentración contra o peche da biblioteca de Monte Alto
A Coruña, 28 de xaneiro de 2013.- O BNG da Coruña responde ao chamamento da A VV As Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules para participar na concentración contra o peche da biblioteca pública, consecuencia da supresión por parte do Goberno municipal do convenio nominativo de 11.280 euros que mantiña coa entidade veciñal desde había case tres décadas. A mobilización contra o peche deste lugar, que era tamén un espazo de encontro e asesoramento, será mañá, martes, ás 19.30h, diante do local da asociación, no Campo de Marte.
Os nacionalistas, que animan á cidadanía a participar na mobilización, esíxenlle ao Goberno municipal que recúe e renove o convenio para evitar o peche da biblioteca. Precisamente, a concelleira de Cultura reunirase con responsábeis da asociación o mércores, día en que o BNG chama o Goberno municipal a rectificar.
O BNG, que mantivo un encontro a pasada semana con representantes da entidade veciñal, entende a decisión do Goberno municipal como un castigo á asociación, dado o seu posicionamento contrario á especulación urbanística en Durmideiras ou ao despedimento dos e das traballadoras da Torre. "Gobernar non é traballar para as súas amizades", lémbralle a concelleira Avia Veira ao alcalde, a quen lle pide que reconduza a súa relación con entidades veciñais como a dos Rosais, a Gaiteira-Oza-Os Castros, Palavea-Bravú ou Castrillón-IAR, así como coas persoas desaloxadas do Ofimático ou coa Comisión de persoas afectadas de Durmideiras, que o Sr. Negreira se nega a recibir.