O BNG chama a superar a constitución española e reivindica unha Galiza soberana
A Coruña, 6 de decembro de 2013.- O BNG da comarca da Coruña considera que a Constitución de 1978 está superada e debe ser modificada para dar resposta ás aspiracións das nacións que conforman o Estado español, nacións que demandan os mesmos dereitos que calquera outra comunidade do concerto internacional e, polo tanto, deben ser recoñecidas como tales.
Neste sentido, o BNG demanda un marco constitucional onde Galiza poida exercer os seus dereitos democráticos, históricos e nacionais, comezando polo dereito á libre determinación e polo dereito a ser unha nación soberana, desde o principio de que a democracia ten que garantir igualdade de dereitos e de oportunidades entre persoas, mais tamén entre os pobos.
Unha Galiza soberana significa respecto a nosa lingua e significa unha Galiza combativa na defensa das conquistas sociais e dun mundo máis libre e xusto
O BNG continuará a traballar a prol dunha Galiza soberana, con capacidade de decidir sobre o seu futuro, e de construírse digna e libremente como Estado, o que significa decidir sobre os nosos sectores produtivos, sobre os recursos naturais do país ou sobre a preservación e ordenación do territorio.
Os nacionalistas poñen de manifesto que se trata de construír un sistema financeiro propio que atenda as necesidades das Pemes e das familias galegas, de adoptar as decisións económicas para xerar emprego que permitan traer de volta aos milleiros de galegos emigrados, en particular xente moza. Unha Galiza soberana significa respecto a nosa lingua e significa unha Galiza combativa na defensa das conquistas sociais e dun mundo máis libre e xusto.
O PP incumpre sistematicamente a Constitución aprobando lexislación que deixa en papel mollado os dereitos sociais que recolle o texto de 1978
Nesta liña, o BNG denuncia o cinismo político do PP, que non ten reparos en incumprir sistematicamente a Constitución que di defender para impor un programa de goberno que recorta dereitos sociais e liberdades individuais e avanza cara unha recentralización en detrimento do autogoberno de Galiza.
A lexislación e a normativa do Goberno do PP, salientan os nacionalistas, deixa en papel mollado dereitos fundamentais recollidos no texto de 1978, como o dereito ao traballo e á negociación colectiva, cos recortes no servizo público de pensións, sanidade ou educación, cunha lexislación que consinte os desafiuzamentos fronte ao dereito a unha vivenda digna, cunha Facenda que persigue os emigrantes retornados en lugar do mandato constitucional de favorecer a súa integración.
O incumprimento sistemático do PP tamén lles afecta ás liberdades individuais, como a Lei de Seguridade Cidadán que prepara Madrid, e ao autogoberno de Galiza, que o Goberno central intenta recortar a toda costa dunha premeditada estratexia de recentralización.