O BNG urxe o Goberno local a sacar unha nova ordenanza que regule os mercados municipais
A Coruña, 28 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG empraza o Goberno do Sr. Negreira a traballar, con celeridade, nunha nova ordenanza de mercados que regule o réxime administrativo e o funcionamento dos postos nas prazas municipais, dado que o Goberno do Sr. Negreira ten bloqueadas as concesións provisionais (a 3 meses) desde hai perto de un ano e tendo en conta que non outorgou ningunha concesión a longo prazo (a 15 anos prorrogábeis por outros 10). De feito, as nacionalistas denuncian que existen solicitudes para concesións provisionais que aínda non foron contestadas.
O Grupo Municipal do BNG acusa o Sr. Negreira de deixar esmorecer os mercados municipais, en moitos dos cales hai decenas de postos baleiros. Así, o BNG aposta por que o Concello da Coruña saque a concurso os postos que se atopan desocupados a día de hoxe modificando, canto antes, a normativa (achégase xunto á nota), modificada por última vez en 2008. As nacionalistas sinalan que se trata dunha oportunidade de emprego nunha cidade con máis de 21.000 persoas no desemprego, con altos índices de precariedade laboral e na que milleiros de mozos e mozas se ven na obriga de emigrar en busca dun posto de traballo.
Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG rexistrou hoxe unha batería de preguntas (achéganse xunto á nota) para a resposta escrita co fin de coñecer cando ten previsto o Goberno do Sr. Negreira sacar unha nova ordenanza de mercados, que número de postos por mercado está a día de hoxe ocupados, por que motivo mantén bloqueadas as concesións provisionais tendo en conta a cantidade de postos desocupados a día de hoxe e por que motivo non respondeu solicitudes para concesións de postos provisionais. As nacionalistas tamén lle preguntan ao Goberno local se ten previsto traballar nalgún plan de dinamización para que os mercados municipais recuperen vida.