O BNG urxe o Goberno a acabar coas verteduras na EDAR de Bens
A Coruña, 23 de xaneiro de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira urxe o Goberno municipal a actuar para acabar coas verteduras da EDAR de Bens ao mar. A depuradora, segundo lle consta ao BNG, está saturada e non está a depurar os días de chuvia. Precisamente nestes días, ao desbordar a balsa, o emisario verte ao mar produtos de lixiviados. Neste contexto, Veira presentou unha iniciativa na que lle pregunta ao Goberno municipal se é consciente destes vertidos (o último tivo lugar o 18 de xaneiro), se ten previsto adoptar algunha determinación para que non se volva verquer nesya zona e se ten pensado solucionar as deficiencias da planta da EDAR de Bens.
Ademais, a concelleira do BNG pregunta se o Goberno municipal vai tomar algunha iniciativa en colaboración co Goberno do Estado e Goberno galego para a rexeneración desta zona. As nacionalistas xa recolleran no seu programa das eleccións municipais o saneamento desta área, moi rica en recursos marisqueiros e afectada, desde hai tempo, pola contaminación. Veira salienta que a rexeneración da área de Bens, unha demanda do sectirr da baixura da Coruña, crearía postos de traballo de calidade.
O Goberno municipal respondera en decembro que a EDAR de Bens funcionaba correctamente
Non é a primeira vez que as nacionalistas se dirixen ao Goberno municipal para interesarse polas verteduras da EDAR de Ben, que trata a meirande parte das augas fecais da Coruña e da comarca. En novembro do pasado ano, o Grupo Municipal do BNG facíase eco da denuncia de veciños e veciñas do Portiño sobre novas verteduras nunha batería de preguntas escritas.