O BNG urxe a buscar unha solución ao edificio da estrada de Circunvalación
A Coruña, 11 de xaneiro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que non se apreza ningunha medida de seguridade urxente no edificio a medio construír da Estrada de Circunvalación, nº4, malia as advertencias de riscos e perigos existentes sinalados reiteradamente polas nacionalistas.
O edificio a medio construír, encóntrase totalmente aberto e accesíbel a calquera persoa, incluídas crianzas. Alén diso hai cables polo chan do edificio e tamén na beirarrúa, o cadro da luz está ao alcance de calquera, a beirarrúa está inutilizada por unhas táboas dun tramo lateral do valo de madeira que queda en pé e que impiden o paso...
As nacionalistas lembran que o Goberno Municipal é coñecedor da situación na que se encontra o edificio e sinalou en abril de 2014, en contestación a unha iniciativa que presentou o BNG en marzo, que actuaría para que fosen adoptadas medidas de seguridade. En todo este tempo só se colocaron unhas fitas da policía municipal para prohibir o paso, as cales levan meses tamén polo chan.
O BNG urxe ao Goberno Municipal que tome medidas de seguridade xa para evitar que suceda algo ante o perigo do estado deste edificio.