O BNG súmase á concentración de Velaluz contra os asasinatos machistas
A Coruña, 25 de maio de 2013.- O BNG da comarca da Coruña súmase á concentración convocada pola asociación contra a violencia de xénero, Velaluz, en repulsa aos catro asasinatos machistas que tiveron lugar, en menos de 48 horas, no Estado español. Así, as nacionalistas chaman o pobo a participar na mobilización que terá lugar mañá, domingo, ás 12h, no Obelisco.
A responsábel comarcal de Acción Feminista do BNG, Vitoria Louro, reproba que o PP aplique continuos recortes de medios humanos e materiais na protección das vítimas da violencia, a través de recortes orzamentarios imprescindíbeis no combate contra a violencia machista. Critica, ademais, que o PP fomente ideoloxicamente un modelo de muller tradicional e submisa que debe regresar ao fogar para tamén, economicamente, aforrar prestacións de servizos públicos que o Estado debe garantir.
Vitoria Louro salienta que para o BNG a loita contra a violencia de xénero é un camiño longo que inclúe moitas iniciativas de carácter transversal que deben comezar no mundo educativo. Manifesta que existen medidas paralizadas e iniciativas desmanteladas que urxe recuperar porque é un deber dos poderes públicos garantir a posibilidade de autonomía persoal e o desenvolvemento dunha vida digna e sen dependencias.