O BNG reivindica as competencias aeroportuarias para Galiza
A Coruña, 22 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG insiste na súa aposta por un modelo estratéxico de futuro baseado na creación dun sistema aeroportuario galego en clave de colaboración e complementariedade, afastado das lideiras populistas e localistas que están a conducir a un resultado absolutamente irresponsábel para A Coruña e para o conxunto do país. Así, coas tres infraestruturas construídas, as nacionalistas apelan a sacarlles todo o potencial. Para iso, emprazan o alcalde da Coruña a lle esixir ao presidente da Xunta de Galiza que teña altura de miras e reclame as competencias en materia aeroportuaria para o noso país.
Para o Grupo Municipal do BNG, a creación dun sistema aeroportuario galego que responda aos intereses do noso país é a única solución á perda de viaxeiras que rexistran os tres aeroportos, unha sangría que non se pode achacar integramente á crise, senón, máis ben, á falta de coordinación e dunha xestión eficaz. Debido ao modelo aeroportuario actual, provinciano e centralista, Galiza non pode organizar nin xestionar o seu espazo aéreo e acrecéntase a nosa condición periférica. De aí que o BNG lle esixa ao presidente da Xunta que convoque todas as forzas políticas e autoridades locais para debater, en serio, sobre a creación do sistema aeroportuario de Galiza, un modelo que responda ás necesidades do país e que rache co todo pasa por Madrid. Ás nacionalistas non lles vale o dispendio de cartos públicos para un novo estudo sobre aeroportos. A solución, advirten, é evidente e pasa por reclamar as competencias para Galiza e por actuar en clave de país.